En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Portas abertas na Ruta do Viño de Valdeorras, os días 28 e 29 de maio

Nestas xornadas participarán oito adegas desta denominación, dous aloxamentos, dous restaurantes e unha empresa de turismo activo

Con novidades se presentan as V Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras, que se desenvolverán os días 28 e 29 de maio, coa participación de oito adegas desta denominación de orixe ourensá. Unha delas será contar con autobuses gratuítos que sairán o domingo 29 de maio dende Lugo (ás 10h., na estación de autobuses desa cidade) para visitar as adegas valdeorresas O Cepado e A Coroa, e outro dende Ponferrada (ás 11h., dende a praza Fernando Miranda) para achegarse ata outras dúas adegas: Joaquín Rebolledo e Adega Roandi. Así se adiantaba na rolda de prensa na que se presentaban estas xornadas, celebrada na tarde do 5 de maio no Pazo do Castro e na que participaban adegas e establecementos de hostalaría.

Outro cambio introducido nesta edición é que na xornada do sábado 28 haberá catro rutas polas que circularán os autobuses gratuítos, con dúas adegas abertas en cada unha delas. Así pola mañá poderá visitarse, por unha banda, a Adega Joaquín Rebolledo (entre as 11:30h. e ás 12:30h.) e a Adega A Coroa (12:35h.-13:35h.) ou ben Alán de Val (entre as 11:30h. e ás 12:30h.) e Godeval (12:45-13:45). Xa pola tarde funcionarán outros dous percorridos: Adega Roandi (17:15h.-18:15h.) e Virxe de Galir (18:20-19:20h.), así como O Casal (17:15h.-18:15h.) e O Cepado (18:20-19:20h.). En cada unha destas adegas os visitantes poderán degustar un viño e un pincho gratuíto.

Para poder facer estes percorridos no transporte da organización será preciso realizar unha reserva de praza no correo: valdeorrasesvino@gmail.com

Os puntos de saída dos autobuses estarán en Sobradelo (no Mesón Museo), no Barco (praza do Concelo e Pazo do Castro) e na Rúa (praza do Concello e Colexio Manuel Respino).

Por outra banda, tamén o sábado pola tarde celebrarase no paseo do Malecón barquense a partires das 19:30h. a III Festa “Portas Abertas” (coa colaboración do Concello do Barco). Nela contarán con expositor sete das oito adegas da ruta. O público poderá degustar viños ao prezo de 1,5 euros cada consumición, sendo de 2 euros o prezo do cataviños. Asemade a celebración estará animada pola actuación do grupo valdeorrés Los Íñigos.

Ademais durante esta fin de semana de portas abertas haberá prezos especiais nos dous aloxamentos (Pazo do Castro no Barco e Pacio do Sil na Rúa), dous restaurantes (O Piquiño no Barco e Mesón Museo en Sobradelo) e unha empresa de turismo activo (Actividades Multiaventura Celavente no Bolo) participantes nas xornadas.

Estas V Xornadas de Portas Abertas serán organizadas por Turismo de Galicia en colaboración coa Ruta do Viño de Valdeorras.

Máis información:
somosvaldeorras.blogspot.com

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button