ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

Portas abertas ó Nadal

Artigo de Raquel Pérez Diéguez

 

A veces as cousas, igual que a vida, complícanse e nestes tempos de covid iso non é difícil, pero estamos no Nadal e aínda que a veces dicimos iso de que son días coma outros, todos sabemos que iso non é certo e nas nosas mans está enchelos de maxia e de ledicia, que boa falta fai.

As aldeas cada vez con menos xente, fican silenciosas nestas datas, igual que o resto dos días, as vellas tradicións fóronse perdendo por falta de quen as continúe; pero en Acevedo resistímonos a desaparecer, queremos demostrar que aínda que sexamos poucos podemos continuar a facer cousas bonitas, por eso na igrexa da parroquia seguimos a facer un fermoso belén e o día 25 cantaremos unha panxoliña aínda que non poidamos bicar o pe do neno e as nosas portas lucen vestidas de festa, esperando á familia e ós amigos, esperando os nenos que veñen a recibir ós reis nas casas dos avós. Cecais esas reunións en torno ás mesas, de momento teñan que pospoñerse pero as nosas portas lucen fermosas, o pobo cheo de luces e respírase un ambiente de calidez que invita a quedarse e formar parte.

 

 

Sempre haberá cousas para as que non hai que medir aforos , nin distancias, pequenas cousas que nos alegran os días e nos dan azos para superar as dificultades e sentirnos máis unidos. En Acevedo o Nadal resiste a pesar de todo, latexa con forza, e nas noites oscuras da montaña somos un punto de luz, color e ilusión. Orgullosa estou de formar parte desta comunidade.
Bo Nadal a todos e que nada nos impida disfrutar da maxia que levamos dentro.

Texto e fotos: Raquel Pérez Diéguez.
Acevedo-Chandrexa de Queixa.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button