EconomíaEconomíaÚltima hora

Portugal promove en Xantar a súa calidade de “mellor destino turístico”

Tamén foron entregados os Premios que celebran a Internacionalidade de Xantar por quinto ano consecutivo

A masiva presenza como expositores de cámaras municipais de Portugal en Xantar reflicte o bo momento que atravesa o turismo neste país que en decembro do 2017 foi declarado “o mellor destino turístico do Mundo” nos prestixiosos “World Travel Awards”. Isto queda patenten na celebración hoxe, 3 de febreiro, no día dedicado a tres importantes cidades portuguesas convertidas en importantes destinos turístico-gastronómicos. Nesta xornada puido facerse un percorrido polos sabores do mar de Esposende, continuando polo Pao de Lo de Margaride e Felgueiras, até os “ovos Moles” de Aveiro. Os representantes municipais destas cámaras buscan en Galicia a turistas facendo referencia a que son destinos de proximidade e á calidade dos seus alimentos e viños como principais reclamos.

“Xantar convirte a Ourense a Galicia no epicentro da enogastronomía a nivel nacional e internacional”. Con estas verbas definía o salón internacional a delegada da Xunta de Galicia, Marisol Díaz, durante a súa intervención no acto central do día de hoxe, no que tamén estivo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Esta xornada de sábado estivo dedicada tamén á provincia da Coruña, á de Zamora e aos concellos da Pobra de Trives e A Veiga, ademais da Fundación Amigos de Galicia. Durante a súa intervención, o alcalde da Veiga, Juan Anta, agradeceu a Xantar a posibilidade que ofrece de que “pequenas poboacións con orzamentos limitados pero con grandes recursos turísticos poidamos promocionarnos internacionalmente”.

Pasado xa o ecuador da décimo novena edición da feira e, aínda que a fin de semana xa está máis orientada ao público xeral, Xantar continúa cunha intensa axenda de actividades que, na súa meirande parte, estiveron relacionadas con dar a coñecer as excelencias gastronómicas das entidades que tiñan o día dedicado. Por terceiro ano consecutivo, a Deputación da Coruña realizou un importante despregamento na feira convidando aos concellos desta provincia a realizar showcookings de pratos tradicionais e únicos protagonistas de varias festas gastronómicas como é o caso das Filloas de Zas, ou o Pulpo á Mugardesa.

Pola súa parte, a Deputación de Zamora organizou unha cata maridada entre a IXP Tenreira de Aliste e viños da D.O. Arribes. “Trátase da segunda vez que Zamora participa en Xantar e este ano faino ademais cun restaurante grazas á cooperación público-privada”, tal e como explicou a presidenta da Deputación, Teresa Marín Pozo.

Durante o acto central do día foron entregados os Premios Especiais de Xantar, que serven para recoñecer a aqueles expositores que presentan plusvalías a súa participación na feira ofrecendo sempre algo máis ou algo diferente aos visitantes. Os visitantes desta edición foron:

Premio ao Mellor Stand Restaurante para a rexión das Açores. Pola iniciativa de recrear o menú servido no Titanic na noite do afundimento e que foi un dos grandes reclamos mediáticos desta edición.

O Premio ao Mellor Stand de Alimentación, que recaeu en dous recoñecementos. A Hijos de Rivera, polo intenso programa de catas das súas cervexas e viños organizados no seu stand. E a Cafés Lisboa, empresa presente en Xantar dende a primeira edición e que cada ano oferta de xeito gratuíto máis de 15.000 cafés.

O Premio á Mellor Acción Promocional en materia de turismo foi, tamén, para dous postos. O primeiro deles foi para a Esntidade de Turismo Porto Norte, por facilitar a participación e Xantar de máis de 20 cámaras municipais desta rexión. A outra entidade premiada foi o INORDE porque o seu restaurante “é un excelente exemplo de cooperación público-privada en Ourense e permite que o salón ofreza menús para todos os petos”.

Finalmente o premio á Mellora Actividade relacionada coa saúde e a nutrición foi para BOAGA, por teres posto en marcha un restaurante que promove carnes autóctonas de calidade.

Artigos relacionados

Back to top button