ConcellosQuirogaÚltima horaVídeos

Posta en marcha das novas instalacións da Unidade de Atención Temperá en Quiroga

Dá servizo aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón e Pantón

 

O Centro de Atención Temperá de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón e Pantón (que atende a nenos de ata 6 anos que teñen algún tipo de trastorno no desenvolvemento ou presentan risco de padecelo) estrea novas instalacións. Este mediodía trasladábase este servizo para o edificio multiusos da Ribeira en Quiroga, onde tamén está o Centro de Día.

Ademais tiña lugar un acto inaugural que contaba coa presenza do xefe territorial da Consellería de Política Social en Lugo, Javier Vázquez Nodal; así como coa de membros do Concello de Quiroga, entre eles o seu alcalde, Julio Álvarez, e a concelleira de Servizos Sociais, Loli Sánchez; e coa de representantes doutros concellos da comarca: Bóveda, O Saviñao, Pantón, da Pobra de Brollón e Ribas de Sil.

As obras para acondicionar estas novas instalacións foron financiadas pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial. Esta unidade conta con profesionais de Fisioterapia, Logopedia e Psicoloxía. O xefe territorial da Consellería de Política Social en Lugo, Javier Vázquez Nodal, destacou hoxe que a Xunta destina este ano un orzamento de 102.600 euros para financiar o funcionamento desta unidade de atención temperá.

 

 

O xefe territorial de Servizos Sociais, Francisco Javier Vázquez Nodal, sinalaba que a Xunta de Galicia destinou este ano 102.000 € para financiar o funcionamento desta unidade. Pola súa banda, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, presenta esta obra, na que se investiron máis de 300.000 €. “Con dúas anualidades do Plan Único, traballadores municipais, alumnos de dous obradoiros e poñendo materiais foi como se conseguiu levar a cabo esta obra”, matizaba. Tamén se conta coa subvención da Consellería de Servizos Sociais da Xunta de Galicia para o mantemento deste servizo, como comunicou o xefe territorial.

A Unidade de Atención Temperá nestes momentos dá servizo aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón e Pantón. Conta cun equipo formado por seis profesionais: dous psicólogos, dous logopedas, un fisioterapeuta e un terapeuta ocupacional especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

Posto en marcha polo Concello de Quiroga con achegas económicas da Xunta de Galicia, serve para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade. Nestes momentos atende a 43 rapaces e ten pendentes 6 novas incorporacións inmediatas. Ademais dende o departamento de servizos sociais do concello estiman que no prazo de dous meses os nenos atendidos serán máis de 60.

 

 

O acceso a este servizo (ao que poden acudir os nenos sen que teñan problemas definidos, se non para axudarlles a un desenvolvemento evolutivo adecuado) é principalmente a través do servizo de pediatría, que fai o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poden poñerse directamente en contacto con este servizo para que os informen de cal é o proceso a seguir.

 

 

Ademais, nesta unidade poderán facer prácticas os alumnos da Universidade Internacional da Rioxa (UNIR) que o pasado ano asinaban un convenio de cooperación. Este convenio, servirá como se dixo na súa presentación “por un lado de apoio á formación dos alumnos e por outro, para que o centro, de recente creación, absorba os coñecementos que estes alumnos poidan aportar”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button