ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O potencial de desenvolvemento económico valdeorrés, nun seminario do GDR7

Este foro analizaba na Casa Grande de Viloira (O Barco) o presente e as perspectivas de futuro dos nove concellos de Valdeorras

As posibilidades do Leader como unha ferramenta de desenvolvemento do rural e o novo período deste programa europeo ata o 2020 poñíanse sobre a mesa no decurso do Seminario, “Desevenvolvemento Rural Leader”, que tiña lugar na mañá do 11 de outubro na Casa Grande de Viloira (O Barco).

O programa inaugurábase coa intervencióni da presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras (GDR7), María Carmen González, quen destacaba que o Leader “contribúe a manter un rural vivo e a fixar poboación cun enfoque de abaixo a arriba, no que a iniciativa de capitanear o desenvolvemento da contorna parte das propias comunidades locais, que se ocupan de analizar as súas propias fortalezas e debilidades para determinar a estratexia que se debe implementar”.

Logo interviña o coordinador da Rede Estatal de Desenvolvemento Rural (REDER), Víctor Jolín, quen se centraba nos “Principios de aplicación Leader 2014-2020” e, a continuación, dábase paso a unha mesa redonda moderada polo xerente do GDR7, Luis A. Rodríguez, quen expoñía as fortalezas, debilidades e oportunidades da comarca de Valdeorras de cara a poñer en marcha novas iniciativas económicas e empresariais, ademais de expoñer as liñas subvencionables dentro do Leader.

Ademais participaba nesta mesa redonda o xerente do Clúster da Pizarra de Galicia, Severino González, quen amosaba a situación actual do sector da lousa, explicaba onde se sitúa (principalmente no rural e na comarca de Valdeorras), cales son os seus mercados e o peso que teñen na economía galega, pero tamén estatal. Finalmente, o director comercial da cooperativa do Barco, Alfredo Vázquez, incidía na importancia do acceso á financiación á hora de poñer en marcha un novo proxecto económico no rural.

O seminario completábase cun obradoiro de experiencias Leader, moderado por Víctor Jolín, coordinador da Rede Estatal de Desenvolvemento Rural, no que diversos xerentes de grupos de desenvolvemento rural de Galicia e do Bierzo compartían experiencias de xestión.

Fotos: A.R., agás a última da galería.

Artigos relacionados

Back to top button
Close