ConcellosSanidadeÚltima hora

O PP do Barco vota no pleno en contra do mantemento da área sanitaria de Valdeorras

A Corporación barquense aprobaba, cos votos do PSdeG-PSOE e de Riada, unha moción que pide a retirada do anteproxecto da Lei de Saúde de Galicia que contempla a desaparición da área sanitaria valdeorresa

 

Os concelleiros do PSdeG-PSOE e de Riada votando a favor de pedir á Xunta a retirada do anteproxecto que reforma a Lei de Saúde de Galicia.

O anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia, que contempla a eliminación da área sanitaria de Valdeorras, abordábase no pleno celebrado o 7 de setembro no Barco. O partido socialista e Riada Cidadá presentaban unha moción conxunta nesta sesión para pedir á Xunta a retirada deste anteproxecto. A moción saía adiante con dez votos a favor, os dos concelleiros do PSdeG-PSOE e Riada, mentres que os cinco edís do PP votaban en contra.

A moción era exposta polo concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, quen explicaba a reorganización do mapa sanitario galego que se inclúe no anteproxecto da lei, “pois reformula a ordenación actual cara un modelo máis concentrado e que perde atención ás comarcas e áreas sanitarias rurais e semiurbanas”. Tamén incidía en que coa nova delimitación do mapa sanitario “quedan no aire as áreas sanitarias de Valdeorras, O Salnés, Mariña Lucense e Monforte, por ser áreas comarcais ás que se abre a porta da perda de servizos a favor das concentracións de servizos nos centros hospitalarios das grandes urbes”.

 

O concelleiro de Sanidade, Orlando Saavedra, na exposición da moción.

 

Neste senso, a moción pedía instar á Xunta a retirar o anteproxecto, desenvolver e dotar de orzamento á actual Lei de Saúde e a formación dun grupo de traballo, con representación diversa, que elabore un informe de conclusións para melloras normativas no sistema sanitario galego.

De seguido interviña o concelleiro de Riada, Félix García, quen incidía no valor da mobilización e en que “aínda estamos a tempo de deter isto, negámonos a renunciar a unha sanidade pública e de calidade, xogámonos a saúde e a vida”.

Como portavoz do PP exercía nesta ocasión Sabina Aguado que antes de iniciar a súa exposición xa anunciou o voto en contra do seu grupo. Aseguraba que non había “ningún fundamento para alarmar á poboación” e que “esta lei non nos perxudica, por moito que se empeñen vostedes en dicilo”. En canto ao novo mapa sanitario co que desaparece a área de Valdeorras que se converte nun distrito dependente da área sanitaria de Ourense (a única que se prevé para a provincia) sinalaba que tan só “é un nome distinto” e que “os distritos estarán ligados a un hospital”. Referíase ademais ás novas consultas de especialista creadas no hospital indicando que se evitaron máis de 40.000 desprazamentos a Ourense e que a nova lei permitiría desprazar máis especialistas ao hospital.

 

A concelleira do PP, Sabina Aguado, anunciando o voto en contra do seu grupo.

Orlando Saavedra contestáballe asegurando que con esta reforma “créase unha situación de inseguridade absoluta sobre o futuro da sanidade en Valdeorras. Non nos parece mal que se reforme a lei pero debería traballarse para que esa reforma nos dea seguridade a todos. Se agora nos equivocamos, mañá será moito máis difícil enmendalo”.

Tamén interviña o alcalde do Barco, Alfredo García, apuntando a importancia que tiña para Valdeorras ser área sanitaria e lembrando como a poboación saía, anos atrás, á rúa para defendela. “É do concepto de área do que estamos a falar”. E engadía, aludindo ás palabras de Sabina Aguado que se agora se están evitando desprazamentos a Ourense, entón “non fai falta cambiar a lei para que os especialistas veñan aquí porque de feito xa están vindo e hai outras fórmulas para conseguir iso sen necesidade de quitar a área”.

Artigos relacionados

Back to top button