ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

PP e RUA desvelan o seu acordo de goberno en coalición

Das seis concellerías coas que contará A Rúa, cinco serán para o PP e unha para o RUA que ademais entrará na xunta de goberno

“Estou moi ledo de ter conseguido esta coalición, que vai ser moi boa para A Rúa. Coa maioría que acadamos imos gobernar con máis comodidade e tranquilidade durante estes catro anos”. Con estas palabras iniciaba o alcalde popular da Rúa, Álvaro Fernández, a súa comparecencia ante os medios de comunicación na mañá do 11 de xullo para explicar, xunto ao concelleiro do RUA José Vicente Solarat o pacto de goberno entre ambas formacións políticas. “Conseguimos un bo acordo, nós ofrecemos a nosa colaboración, sobre todo, nos eidos da Cultura, Turismo e Deportes”, engadía Solarat.

 

 

A continuación, ambos procedían a asinar este acordo de goberno en coalición que establece un total de seis concellerías das cales cinco estarán en mans do PP e unha nas do RUA. Así Solarat será edil de Cultura, Turismo e Deportes, mentres que a Concellería de Economía e Facenda será ocupada por Teresa Varela; a área de Urbanismo, Obras e Mantemento será asumida polo alcalde; Raúl Yáñez levará Medio Ambiente, Desenvolvemento Rural e Patrimonio, e, finalmente Joana Gómez ocuparase dúas concellerías: as de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a de Persoal, Emprego e Réxime Interior.

Ademais a primeira tenente de alcalde será Teresa Varela e a segunda Joana Gómez. José Vicente Solarat tamén formará parte da Xunta de goberno local.

“A Rúa vive uns momentos delicados e temos unha oportunidade importante para sacala adiante”, comentaba o rexedor rues, en tanto que Solarat pedía tamén a colaboración e a “comprensión dos grupos da oposición” para desenvolver este proxecto de goberno.

Esta tarde terá lugar o pleno de organización do Concello da Rúa no que se someterán á votación as novas concellerías, entre outras cuestións relativas ao novo goberno municipal.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button