PolíticaÚltima hora

O PP local de Ourense saca unha publicación trimestral onde informa dos “seus logros”

O xornal será gratuito e ten unha tirada de 5.000 exemplares que se van distribuír por diferentes puntos da cidade
A publicación é de carácter trimestral. // Foto: Carlos Asensio.

O Partido Popular de Ourense, liderado por Jesús Vázquez, vén de presentar hoxe, 18 de xaneiro, un xornal corporativo trimestral onde informan sobre os seus logros acadados durante estes primeiros dous anos de lexislatura e os seus obxectivos. Este xornal ten unha tirada de 5.000 exemplares que se van distribuír, de xeito gratuíto, por diferentes puntos da cidade.

Así, segundo reza este pequeno xornal, durante a xestión do equipo de Vázquez á fronte do goberno da capital, conseguiron “reducir a débeda municipal ao 75%, pasando de 39.317.411, en xuño de 2015, a 10.097.708 euros no exercizo de decembro do pasado ano”. En canto aos obxectivos deste ano: “acadar a débeda cero”.

No eido das axudas de entidades públicas e privadas, informan que acadaron 45 millóns de euros entre xuño de 2015 a decembro de 2016 entre axudas da Xunta de Galicia e outro tipo de entidades públicas e privadas.

Outro dos temas importantes que salientan no seu xornal é o pago a provedores. Segundo o PP local, o tempo medio de pago do Concello foi de 7,6 días en febreiro de 2017, cando “en xaneiro de 2015 -cando chegaron ao Goberno local- o período medio de pago a provedores era de 78,70 días”, aseguran. Por outra banda aseguran que “a alta eficacia na xestión económica das contas do Concello de Ourense” levou a que as contas de 2016 estivesen liquidadas un mes antes “con respecto ás previsións do goberno anterior”.

Sen saíres das contas, reiteran que o superávit da cidade “viuse practicamente duplicado”. Segundo reza o xornal: “as contas municipais pasaron de ter 41.260.081, 99 euros, a data de 31 de decembro de 2014, a 53.644.380, 97 euros a 31 de decembro de 2016”. Isto supón un aforro, segundo as cifras achegadas, de máis de 12 millóns de euros.

As taxas impositivas da capital vanse ver reducidas en 2018. Así o anuncian dende o PP da cidade. “Este Goberno Municipal ten levado a cabo un estudo pormenorizado e necesario para proceder a unha baixa dos impostos e taxas en vigor”, aseguran.

 

Foto: Carlos Asensio.

Vázquez para as municipais de 2019: “Encantaríame ser o candidato, Ourense está mellor que nunca”

Tendo en conta todos estes datos, a pregunta clave ao alcalde non tardou en aparecer no almorzo con xornalistas que ofreceu para presentar esta iniciativa: “Vaise presentar novamente como candidato nas municipais de 2019?” Jesús Vázquez asegurou que “esa decisión non me compete a min, senón ao partido”. Pero finalmente Vázquez cedeu ante a presión dos xornalistas afirmando o seguinte: “a min encantaríame ser o candidato, Ourense está mellor agora que cando nós chegamos ao Goberno e queremos facer de Ourense a mellor cidade de Galicia, estamos fortes”, reiterou o rexedor municipal.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button