ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A problemática da praga da avespiña, nas xornadas sobre a castaña en Verín

A loita biolóxica poñíase sobre a mesa como unha medida de eficacia demostrada, pero polo momento o goberno estatal só ten autorizado soltas experimentais en Galicia de Torymus sinensis, ao tratarse dunha “especie exótica”

Hai uns tres anos que se detectaba en Galicia a presenza da chamada avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), considerada a praga máis perigosa do mundo para este cultivo. Dende entón o sector vive con preocupación o seu rápido avance. Para frealo está demostrada a eficacia da loita biolóxica cun inimigo natural da avespiña, o Torymus sinensis. Sen embargo, ao tratarse dunha especie exótica polo de agora dende o goberno estatal só se teñen autorizado soltas experimentais deste insecto. Así o explicaba Pedro Mansilla, doutor enxeñeiro de Montes, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra) na ponencia inaugural da xornada técnica “A importancia da castaña na montaña ourensá”, que se desenvolvía no auditorio de Verín ao longo da mañá do 23 de setembro.

“O Torymus sinensis funcionou moi ben nos países onde se soltou, pero necesítase un tempo para que actúe dependendo da cantidade que se solte. Polo de agora o Ministerio só nos autorizou pequenos ensaioss, pero non soltas masivas. Pero si hai unha solución para esta praga”, aseguraba Mansilla, que tomaba a palabra tras a apertura oficial do foro a cargo do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e do representante do CDR Portas Abertas, José Paz.

Na súa intervención Mansilla facía un percorrido polas principais pragas do castiñeiro, así como polas enfermidades máis graves desta especie, facendo especial fincapé no chancro e na tinta, repasando os síntomas que presentan así como os medios desenvolvidos ata o momento para o seu control.

A xornada continuaba coas conferencias de Tomás Fernández-Couto, director xeral de Ordenación Forestal, que abordaba as medidas de apoio ao sector da castaña dende a Administración, así como coa de Nuria Sánchez Limia, técnica do Centro de Desenvolvemento Agroforestal do Riós, tamén sobre medidas de apoio a produtores.

Finalmente dábase paso a unha mesa redonda sobre as “problemáticas do sector, oportunidades e posibles solucións”, cunha introdución da man de Manuel López Vilariño, secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia. Posteriormente procedíase á clausura das xornadas coa presenza da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; do presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá; e do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

A conselleira do Medio Rural destacaba que a produción certificada deste froito galego aumentou excepcionalmente nos últimos anos, pasando de 5,6 toneladas no 2010 ás 241 do pasado exercicio. Uns datos que converten a Galicia na principal produtora de castaña a nivel nacional, segundo Vázquez, cun valor económico estimado superior ao medio millón de euros no ano 2016 e cunha previsión para a colleita deste ano tamén moi optimista, tanto pola cantidade como pola calidade do froito. Neste senso, Ángeles Vázquez puxo en valor o traballo que se fai desde o consello regulador da IXP Castaña de Galicia para que as cifras vaian en aumento ano tras ano.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a última imaxe da galería.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close