ConcellosEn portadaÚltima hora

Prealerta por seca nos cursos do río Sil e Limia, e alerta no do Cabe

Así o anunciaba o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil tras reunión celebrada hoxe pola Mesa Técnica da Seca desta conca

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, tras a reunión desta mañá da Mesa Técnica da Seca.

 

As escasas precipitacións no inverno e no que vai de primavera plantexan un escenario que se vive “sen alarmismos, pero si con preocupación responsable” dende a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). Así o asegura o seu presidente, José Antonio Quiroga, neste venres nunha rolda de prensa celebrada tras a reunión da Mesa Técnica da Seca desta conca.

“Neste ano pluviométrico que comezaba o 1 de outubro lévanse recollido 530 l/m2 en comparación coa mesma data do ano pasado, no que se recolleron 966 l/m2, algo que está dentro dos parámetros da media. A diferenza é dun 45% menos de precipitación, é un dato bastante elocuente e clarificador de como está a situación a día de hoxe. A precipitación é o elemento fundamental de alimento dos nosos ríos, regatos, mananciais, etc… “, concretaba Quiroga, indicando ademais a situación actual resulta similar á rexistrada no 2017.

Tamén sinalaba que os encoros da conca Miño-Sil están nestes momentos ao 54% da súa capacidade, cando o ano pasado situábanse nun 70% e a media histórica estaría entorno ao 79%, “polo tanto, por debaixo do habitual”. E, con respecto aos caudais circulantes, é dicir, á “auga que vemos nos ríos e regatos do noso país, rexístrase un 57% menos do habitual”.

Ademais, o presidente da CHMS detallaba cal é a situación actual da conca, zona por zona. “A situación é de normalidade nos cursos do Miño alto medio e baixo, con situación de prealerta no Sil, dende a cabeceira á súa desembocadura, no curso baixo; igual que no Limia, e de alerta na conca do Cabe. Esta é a repercusión da escaseza pluviométrica no noso territorio”.

 

 

Ante estes datos Quiroga recoñecía que existe unha certa preocupación” e falaba da importancia de anticiparse, concienciarse e “tomar medidas”. Nese senso, dende a CHMS xa teñen dirixido unha serie de comunicación, principalmente, aos concellos. “Diante desta situación e froito tamén das distintas reunións na Mesa Técnica da Seca, que comezaron no mes de febreiro ao detectar os primeiros síntomas da escaseza pluviométrica, lévase xa enviado toda unha serie de comunicacións, e ímolo seguir facendo con máis insistencia, aos concellos e tamén ás comunidades de regantes, un total de 44 dentro da conca. A finalidade destas cartas é trasladarlles os datos e a preocupación, e recomendarlles e instarlles a empezar a tomar medidas de cara á campaña deste verán en previsión de que as precipitacións non cambien radicalmente e que, no mellor dos casos poidan ser como as que estamos vivindo estes días ,que non modifican substancialmente a acumulación de recursos hídricos”.

Tamén aludía Quiroga á importancia de que a poboación sexa consciente da situación. “A auga é un tema de todos e os cidadáns de a pé non poden quedar excluídos dentro desta dinámica de concienciación, de toma de contacto cunha realidade que tamén lles vai afectar e esa conciencia e a súa repercusión nas súas actitudes ten tamén a súa relevancia”.

 

Outro dos momentos da intervención de José Antonio Quiroga.

 

O presidente da CHMS comentaba que “a precipitación destes días é moi benvida e suma de media 17 l/m2 recollidos. Se ben é certo que esta choiva lle senta ben aos cultivos, non é un gran aporte, unha solución para os recursos hídricos”. Ademais, as previsións que manexan os expertos indican que non vai haber grandes cambios nas vindeiras semanas.

Artigos relacionados

Back to top button