EconomíaEconomíaÚltima hora

Precíntase un local de hostalaría na Rúa ante as queixas veciñais polo ruído

Dende o Concello da Rúa asegúrase que é a segunda medida cautelar que se toma co bar, mentres o seu xerente pide tempo para poder insonorizar o local que é alugado

Ás nove da mañá deste venres 7 de xuño a Policía Local da Rúa procedía a clausurar un céntrico local de hostalaría situado na rúa Arxentina desta localidade. Este peche é a segunda medida cautelar que se toma dende o Concello da Rúa ante as queixas e denuncias veciñais polo ruído deste local, segundo se informa dende esta administración local.

“Dende o Concello remitíuselle ao xerente unha resolución que lle informaba de que dende o 7 de maio tiña que insonorizalo porque os informes técnicos así o dicían, e dabáselle un prazo de 3 meses. E nese período de tempo, como medida cautelar, tiña que pechar ás doce da noite para que puidese facerse compatible a súa actividade co descanso dos veciños, sen embargo, non cumpriu con esta medida, pechaba cando quería”, explica o alcalde en funcións da Rúa, Luis Fernández.

Así, un mes despois desa primeira medida cautelar, o Concello da Rúa adoptaba unha segunda, consistente neste caso en proceder ao peche do establecemento mentres non se acredite que se realizaron as obras correspondentes para a súa insonorización.

Pola súa banda, o xerente do local asegura que se intentou chegar a un acordo co Concello Rúa e que se mantiveron reunións co alcalde para tratar de solventar a situación. “Pedinlle un prazo de cinco meses xa que o local no que estou é alugado, eu son inquilino e non podo facer obras sen o consentemento do propietario, por iso necesitaba tempo. De feito incluso puxen un limitador de potencia para a música, pero iso o Concello non o acepta”, di.

Con respecto ao horario de peche do local, o seu xerente recoñece que estaba aberto ás 00h. pero “sen que se fixese ningún ruido”, indica o xerente que adianta que vai recurrir esta medida.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button