SanidadeÚltima hora

Premio nacional para un proxecto de rehabilitación mental do CHUO

O programa “e-motional training” vén de recibir en Madrid o premio Innova eVía na categoría de proxecto innovador
O psiquiatra Alejandro García Caballero.
O psiquiatra Alejandro García Caballero.

O proxecto “e-motional training” de aplicación das novas tecnoloxías da información á rehabilitación de pacientes con trastornos mentais, que está promovido desde o Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), vén de recibir en Madrid o premio Innova eVía na categoría de proxecto innovador.

Trátase dun programa de rehabilitación on line que, “mediante o xogo, está destinado a mellorar a cognición social, desde a percepción de emocións á percepción social, así como a chamada Teoría da Mente e o estilo atribucional”, segundo o Sergas. O proxecto “e-motional training” ten súa orixe nun relevante proxecto de investigación de mais de 6 anos, dirixido por Alejandro García Caballero, do Servizo de Psiquiatría do CHUO, tempo no que se deseñou a plataforma web, a preparación dos guións, e o deseño dos microxogos.

“Este programa está deseñado partindo dos estudos de autismo, esquizofrenia e trastorno mental grave, e tamén é de utilidade para mellorar e manter estas habilidades na poboación san. Asemade, permite recoller información relevante para continuar investigando”, tal e como se informa dende o Sergas. A súa principal vantaxe é a posibilidade de que os pacientes realicen traballo cognitivo desde o seu domicilio. “O videoxogo, ou sistema web-based é útil en pacientes con esquizofrenia e con trazos autísticos, nos que a interacción social real poida darlles problemas. Seu uso maximiza o tempo de entrenamento e abre a posibilidade de individualizar o tratamento, adaptándoo ás características de cada paciente”, matizan dende o Sergas.

Prevese que neste mes de novembro estea xa dispoñible a súa segunda versión, coincidindo co remate dun ensaio clínico nos Hospitais de Día de Saúde Mental de Ourense, A Coruña, Santiago, e Vigo, así como nas Asociacións de pacientes como MOREA e DOA, polo que se proxecta iniciar a súa implantación, gratuíta, na rede Sergas, e comercializalo a partir de febreiro no resto de España e a nivel internacional.

O premio logrado por este proxecto, que foi convocado pola Plataforma de Tecnoloxías para a Saúde e a Vida Activa e Independente (eVIA), está dirixido ás entidades e proxectos españois que aposten pola innovación, para fomentar sistemas, servizos e produtos, baseados nas TIC, para preservar a saúde e o benestar, elevar a calidade de vida, autonomía e independenza das persoas maiores e con discapacidade, así como a integración. Esta galardón está financiado polos Ministerios de Industria, Economía, Fundación Once, e a asociación empresarial (AMETIC).

Artigos relacionados

Back to top button