ConcellosQuirogaÚltima hora

Preocupación en Quiroga ao chegar aos 62 casos de Covid e sumar 18 novos nun so día

O alcalde de Quiroga vén de solicitar aos responsables sanitarios da provincia un cribado masivo dá poboación de Quiroga, que mesmo se debería facer extensivo a Ribas de Sil”

Rúa central da vila de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Seguen medrando de maneira preocupante a curva do Covid-19 en Quiroga. “Tras 18 novos casos nun só día, Quiroga sitúase en 62 casos de Covid-19. Unhas cifras máis que preocupantes que fan que a incidencia acumulada se dispare ata cotas insospeitadas”, tal e como destaca o Concello de Quiroga.

Ante esta situación, que se viña complicando dende fai días, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, púxose en contacto cos responsables sanitarios da provincia de Lugo dende primeira hora desta mañá co fin de solicitarlle que “tomen medidas para tentar parar este alarmante incremento de casos”.

O rexedor solicitoulles “un cribado masivo dá poboación de Quiroga, que mesmo se debería facer extensivo a Ribas de Sil”. Tamén lles pediu “que nos apliquen todas as políticas restritivas de movilidade cidadá e o peche dos centros educativos”. Tamén puxo a súa disposición “todos os medios e centros dispoñibles do concello”, incluso el mesmo “como enfermeiro” para colaborar no que sexa necesario.

Ademais dende o Concello indícase que os responsables sanitarios contestaron que estudarán as peticións que lle expuxo o alcalde en canto á mobilidade. O peche dos centros educativos, segundo responderon, é competencia dá Consellería de Educación.

Á espera dás medidas que tomen os responsables sanitarios, o alcalde quirogués, pídelle unha vez máis á veciñanza que se manteña nos seus domicilios, saíndo soamente por cuestións laborais, médicas ou para mercar alimentos.

Tamén se continúa coa desinfección de rúas coa utilización dun pulverizador industrial cun preparado desinfectante en todos os núcleos de maior poboación e a desinfección manual das entradas e saídas de edificios.

Artigos relacionados

Back to top button