EconomíaEconomíaÚltima hora

Preocupación na Unión de Hosteleros Ourensanos pola volta ao traballo da hostalaría

Esta asociación provincial considera que a actitude irresponsable dalgúns hostaleiros e cidadáns podería conducir a un novo confinamento

 

Dende a Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO) vén de emitirse un comunicado no que se indica que, “ante a irresponsable actitude dunha minoría de compañeiros que volveron a reabrir os seus locais, queremos trasladarlles que nas nosas mans está o facer as cousas ben”.

Dende esta asociación lémbrase que “levamos dende o 13 de marzo confinados por unha alerta sanitaria devastadora na que preservar a saúde dos nosos clientes, dos nosos empregados e a nosa propia debería ser a prioridade absoluta. Sen embargo, a apertura parcial da hostalaría na denominada Fase 1 puxo en evidencia o comportamento irresponsable dunha minoría de hostaleiros que decidiu reabrir e perxudicará a todo o sector, hai que dicilo claramente e sen tapuxos, pois non están asumindo a responsabilidade propia de atender a clientes coas medidas de seguridade, sen aglomeracións e con protección para evitar novos contaxios”.

A UHO sinala que “as autoridades advertiron de que, de seguir actuando con esta irresponsabilidade, volverán a pechar os nosos locais xa que, en gran medida esta minoría non respectou distancias de seguridade, e incluso algúns aumentaron o número de mesas sen medidas de protección, esquecendo por completo que estamos rebasando a cifra de 27.000 mortes por este virus, e que, por moito que saiamos xa á rúa, non estamos saindo do virus senón co virus aínda circulando, que non desapareceu nin o fará ata que non haxa unha vacina”.

Neste comunicado a UHO destaca que “existe na hostalaría ourensá unha boa porcentaxe de compañeiros aínda pechados que depende do bo facer dos que van abrindo, para ir pasando de fases. Non esquezamos que seguimos estando en alarma e debemos dar exemplo de profesionalidade. Se non poñemos todos da nosa parte imos ter problemas á volta duns días ou ante calquera rebrote de contaxios”.

Artigos relacionados

Back to top button