CulturaCulturaÚltima hora

Presentadas as bases do VIII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

A Asociación OF. Outono Fotográfico abrirá o prazo de recepción de proxectos no mes de setembro

Presentación das bases no Centro Galego de Arte Contemporánea. / Foto: cedida.

 

A Asociación OF. Outono Fotográfico presentou, este martes 28 de xullo, as bases da oitava edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Fíxoo no marco dunha reunión celebrada hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela e á que acudiu tamén o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. O premio está patrocinado pola Consellería de Cultura e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As bases foron establecidas por Vítor Nieves e pódense consultar na web www.outonofotografico.com. O prazo para presentar proxectos ábrese en setembro e remata o día 6 de novembro. O fallo do xurado faráse público o día 13 dese mesmo mes.

 

Imaxe da xuntanza. / Foto: cedida.

 

Segundo Lorenzo, cada nova convocatoria deste premio “abre unha porta máis ás novas propostas artísticas no ámbito da fotografía, que, ademais de ser unha manifestación estética e creativa, supoñen un espaldarazo para difundir a nosa creación”. Tamén quixo destacar o prestixio internacional que vai acadando ano a ano o premio. Pola súa banda, Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación OF. Outono Fotográfico incidiu na importancia do premio e a necesidade de recoñecer “o traballo dos fotógrafos do noso país”.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea naceu oito anos atrás a partir do Festival Outono Fotográfico co oxectivo de que Galicia fose recoñecida a nivel internacional nese ámbito. O certame premia aquelas propostas dentro da fotografía contemporánea realizadas por autores de calquera nacionalidade. A dotación do evento é de 9.200 euros para producir unha exposición co proxecto gañador, que itinerará durante dous anos en salas de Afundación e festivais internacionais. Co orzamento tamén se editará un libro para a súa distribución en tendas especializadas.

Artigos relacionados

Back to top button