DeportesÚltima hora

Presentan en Ourense a I Carreira Solidaria da Fundación Real Madrid

A proba deportiva será o 2 de outubro e discorrerá polo roteiro fluvial do Miño que une a Ponte Romana coas termas de Outariz
A proba deportiva foi presentada esta mañá na casa consistorial de Ourense. // Foto: S.F.
A proba deportiva foi presentada esta mañá na casa consistorial de Ourense. // Foto: S.F.

O salón de plenos do Concello de Ourense foi o escenario elixido esta mañá para a presentación da I Carreira Solidaria da Fundación Real Madrid, que se celebrará tamén na cidade o vindeiro 2 de outubro. Para falar dela estiveron presentes o alcalde ourensán, Jesús Vázquez, o concelleiro de deportes, Mario Guede, o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández, e representantes das entidades que organizan a proba, entre eles Antonio Llorente, ex xogador profesional do Real Madrid de baloncesto, en nome da fundación.

A carreira que discorrerá por Ourense é a primeira dun circuito que terá catro escenarios, completados en Málaga, Murcia e Madrid. Con ela, a fundación busca recadar fondos a través da venda de dorsais para o financiamento do seu labor social, ao tempo que dá a coñecer o seu cometido.

Ese día, os participantes comezarán a proba a partires das 11 horas. Haberá diferentes categorías, con diferentes distancias a percorrer, sendo a senior a máis longa, con 9,2 km. O percorrido será o roteiro fluvial que une a Ponte Romana da cidadecoas termas de Outariz, un escenario que foi eloxiado polos organizadores durante o acto de presentación.

Os interesados en participar deberán inscribirse a través da web especialmente habilitada pola fundación: http://runningfundacionrealmadrid.es. Haberá agasallos e merchandising para todos os corredores.

Coa acollida desta proba, os representantes das administracións ourensás ven nela unha oportunidade para consolidar Ourense como lugar de parada, e non tanto de pasada cara a costa. “Aunamos ocio con fins sociais, deporte, saúde, medioambiente, antureza e turismo”, dixo Rosendo Fernández, que subliñou que “queremos que Ourense sexa de parar, contemplar, ver e volver”.

Pola súa banda, o alcalde da cidade aproveitou a súa intervención para desculpar a ausencia do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, a quen lle agredeceu o seu labor como nexo de unión entre a fundación e o Concello de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button