EconomíaEconomíaÚltima hora

Preséntanse as bases do novo Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro

O docuemento busca recuperar a confianza dos viaxeiros a través dun modelo turístico sustentable e de calidade e que sitúe a Galicia ademais como un destino seguro que ofrece un turismo tranquilo e non masificado

 

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe xunto o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, as bases do novo Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, no que o Goberno galego xa está a traballar co Clúster Turismo de Galicia e con expertos das tres universidades galegas.

Así, xa se están a levar a cabo mesas de traballo e entrevistas cos diferentes axentes do sector para realizar unha diagnose da situación actual da oferta e da demanda e das necesidades das empresas.

O documento definirá o novo modelo turístico galego co que facer fronte aos efectos do coronavirus e reactivar a actividade e o emprego no turismo galego, tendo en conta as necesidades dos turistas no novo escenario postcovid. Alfonso Rueda destacou que o Plan dará continuidade ao Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 e seguirá a fomentar un modelo turístico sustentable e de calidade cunha oferta segmentada, ao mesmo tempo que, debido á actual crise sanitaria, incidirá na mensaxe de que Galicia é un destino seguro.

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante a súa intervención.

 

O vicepresidente primeiro da Xunta espera recuperar a confianza dos viaxeiros nos próximos meses para contribuír á reactivación do turismo galego. Deste xeito, considera que o turismo tranquilo e non masificado que ofrece Galicia é un dos punto fortes da oferta turística galega e un aspecto moi demandado na actualidade polos visitantes neste escenario marcado pola pandemia. Así, explicou que Galicia “conta cun plus ao ser percibido nos últimos meses como un destino seguro que dá resposta ás demandas dos turistas que buscan maior contacto coa natureza e espazos abertos”.

Ademais, lembrou que esta “oportunidade” á que se enfronta o turismo galego nesta situación de necesidade de axudar ao sector enlaza con outra oportunidade que hai que aproveitar: o Xacobeo 2021. A Xunta continúa a preparar o Ano Santo, considerado como motor da recuperación económica do sector, coa posta en marcha de medidas que permitan levar a cabo un Camiño Seguro e contar cun Xacobeo 2021 diferente pola covid-19 pero que será o mellor dos Xacobeos posibles e “o punto de partida dos tres Anos Santos da próxima década”.

No acto de hoxe tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; así como os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.

Artigos relacionados

Back to top button