PolíticaÚltima hora

Preséntanse as candidaturas socialistas por Ourense ás vindeiras eleccións xerais

O acto contaba coa presenza do secretario xeral do PSdeG-PSOE que anunciaba unha campaña "a pé de país"

Acto de presentación das candidaturas socialistas pola provincia de Ourense ás vindeiras eleccións xerais.

 

A praza do Ferro era o lugar escollido polo partido socialista para presentar ás listas coas que se concorrerá pola provincia ao Congreso e ao Senado o vindeiro 10 de novembro. Nelas repetirán como cabezas de lista Juan Carlos Francisco ao Senado e Marina Ortega e Adolfo Pérez Abellás ao Congreso.

O acto, que tiña lugar ás 12:30h. deste luns 7 de outubro, contaba coa presenza do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e do secretario provincial do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. En compaña dos candidatos, entre os que está o valdeorrés Miguel Bautista, Caballero sinalou que é moito o que está en xogo o 10 de novembro: “o futuro da España e da Galicia que queremos”. E destacou que o equipo que conforma estas candidaturas xa obtivo uns resultados “moi positivos” o 28 de abril e que está “fondamente comprometido” coa provincia.

O secretario xeral do PSdeG aproveitou a visita a Ourense para facer un chamamento á participación. “Para non ter que laiarnos despois ten que haber unha mobilización masiva”. Ademais apelaba ao “voto útil para o avance social e o progreso” dun partido que “defende os dereitos das mulleres, dos pensionistas, dos traballadores…”.

E, tras anunciar unha campaña “a pé de país, percorrendo pobos e vilas”, avanzou que o vindeiro domingo visitará a cidade a ministra de Educación e voceira do goberno socialista, Isabel Celáa.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button