SanidadeÚltima hora

Preséntanse as novidades da II Carreira e Andaina das Cidades contra o cancro de páncreas de Vilamartín

Este evento solidario, previsto para o 24 de novembro, incluirá ata 4 modalidades deportivas

 

Tras unha situación dura e tráxica, como é a perda dun familiar e dun amigo, lonxe de quedarse no duelo, tres veciñas de Valdeorras decidían crear un proxecto solidario e deportivo para homenaxear a esta persoa falecida e tamén para axudar a outras que sofren ou poden chegar a ter a súa mesma enfermidade: o cancro de páncreas. Así nacía hai pouco máis dun ano o proxecto da Carreira e Andaina das Cidades contra o cancro de páncreas en Vilamartín, a primeira proba deste tipo en organizarse en Galicia no 2018 e fóra dunha cidade en España.

O resultado era un auténtico éxito, desbordábanse todas as previsións e chegábase aos 1.100 participantes. Agora as súas promotoras ultiman os detalles da segunda edición, prevista para o vindeiro 24 de novembro en Vilamartín, contando co apoio da ACANPAN e AESPANC, da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA), así como do servizo de Aparato Dixestivo de Ourense, Verín e O Barco e doutras entidades, empresas e numerosas persoas.

O programa da cita presentábase na mañá do 8 de novembro no Hospital Comarcal Valdeorras, nun acto que contaba coa asistencia de Eva Iglesias e Patricia González, da Asociación de Cancro de Páncreas de Valdeorras; dos especialistas do Servizo de Dixestivo Eloy Sánchez e María Francisco; e do director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Javier Puente.

“Este é un evento completamente altruísta e solidario porque o 100% do recaudado nas inscricións vai ser doado á causa”, explicaba Eva Iglesias, que ademais destacaba as novidades deste ano, xa que se establecen ata catro modalidades: unha proba de BTT cunha distancia de 32 km, unha andaina light (4,5 km), outra andaina pro (12 km) e unha carreira de 12 km. Nos catro casos darase a saída dende o pavillón polideportivo de Vilamartín: ás 10h. para a BTT e as andainas, e ás 10:30h. no caso da carreira.

 

Un dos momentos da rolda de prensa para presentar a andaina e a carreira./

 

As inscricións poden realizarse en www.carreirasgalegas.com (por esta vía xa se anotaron a data de 7 de novembro unhas 220 persoas) e tamén de forma presencial (agás na BTT) en comercios de Valdeorras. O prezo será de 15 euros para a BTT, de 10 euros para as andainas e a carreira, e de 5 euros para os menores. Ademais haberá dorsal 0 para os que non poidan participar e queiran colaborar, polo de agora neste dorsal lévanse recaudado uns 367 euros.

A doutora María Francisco amosábase moi orgullosa de que esta iniciativa acade xa a súa segunda edición e animaba á xente a sumarse a ela. Tamén comentaba o destino dos fondos recaudados, que irán directamente a financiar becas investigación sobre cancro de páncreas, en concreto a dúas: unha de investigación básica e outra de investigación clínica. “Desexamos que esta carreira sexa novamente un éxito porque isto vai redundar no beneficio de todos”, engadía a doutora Francisco.

Pola súa banda, o doutor Sánchez felicitaba ás organizadoras deste evento deportivo e benéfico “polo reto que supón a nivel persoal e tamén polo feito de ter escollido Vilamartín para facelo”. Destacaba deseguido que o de páncreas é un dos cancros máis preocupantes polo seu “diagnóstico tardío e mal prognóstico” e, nese senso, incidía na importancia da investigación para poder detectar o antes posible aos pacientes que poidan padecelo e para mellorar as técnicas diagnósticas. “Nese caso a iniciativa civil tira do carro, favorecendo a nivel nacional este evento para loitar contra un cancro que é dos que máis mortalidade causa e a tendencia é que vaia aumentando, como en todos os cancros”, concluía.

Ademais de en Vilamartín, este ano tamén haberá carreiras deste tipo noutros puntos de España (Madrid, Murcia, Alicante, Orihuela e Terrasa) no marco da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Páncreas (21 de novembro).

Finalmente, o director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Javier Puente, amosaba o respaldo da xerencia da EOXI ourensá a esta proba deportiva e solidaria.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button