ConcellosO BarcoÚltima hora

Preséntanse seis ofertas para executar as obras de renovación da avenida do Bierzo no Barco

Os traballos contan cun prazo de 8 meses e o obxectivo é poder inicialos este verán

Imaxe da avenida do Bierzo no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Un total de seis ofertas para executar as obras de renovación da avenida do Bierzo, no núcleo urbano do Barco de Valdeorras, foron recibidas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta actuación ten como finalidade a mellora da accesibilidade e a humanización da contorna. Para acadar este obxectivo, a Xunta investirá preto de 815.000 euros, tendo en conta a reposición dos servizos afectados.

Os traballos contan cun prazo de execución de 8 meses e a previsión é inicialos neste mesmo verán. Actuarase nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622, o treito da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana e accesible a súa contorna, segundo informa Infraestruturas.

Para conseguir este obxectivo, “mellorarase a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada autonómica: do punto quilométrico 0+000 ao 0+200, para salvar a vía ferroviaria; e do quilómetro 0+275 ao 0+290, para salvar o río Cigüeño”, tal e como indica a consellería.

Ademais, incrementarase o ancho da beirarrúa na marxe esquerda, na medida en que sexa posible, coa fin de mellorar a mobilidade para o tránsito peonil dos veciños, así como a accesibilidade aos edificios localizados na zona, que na actualidade dispoñen de accesos con importantes desniveis. Tamén a partir do punto quilométrico 0+320 e ata o 0+655 se ampliará o ancho das dúas beirarrúas.

Tamén se reordenarán os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento.

Este proxecto persegue a mellora das condicións de seguridade viaria no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao colexio, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito.

Destaca na intervención a renovación das infraestruturas de abastecemento e saneamento que discorren por ambas as marxes e que presentan un grado de deterioro importante debido ao paso do tempo.

Neste sentido, e tendo en conta que se levarán a cabo melloras de servizos que son de competencia municipal, como o saneamento, o abastecemento, a iluminación e a semaforización, a Xunta solicitou a implicación do Concello, que se comprometeu a asumir a titularidade do treito, unha vez finalizados os traballos.

Artigos relacionados

Back to top button