OurenseÚltima hora

Preséntase a campaña “Camiña a Galicia” no Teatro Principal de Ourense

Co obxectivo de impulsar a presenza de visitantes estranxeiros despois da pandemia e proxectar o Ano Santo máis aló das nosas fronteiras, precisa que a eles está dirixida unha campaña internacional co fin de estender a invitación a países europeos, Estados Unidos ou Corea do Sur

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, invitou hoxe a camiñar a Galicia neste segundo Ano Xacobeo “para consolidar a recuperación turística co impulso do AVE e dos visitantes internacionais”, nun acto de presentación celebrado no Teatro Principal de Ourense. Tamén adiantaba que a campaña turística para este 2022 volve apostar polo mellor que ten Galicia: a súa propia terra. “Ensinamos o mellor de Galicia no mellor momento para facelo e no momento máis necesario”, dixo, incidindo en que Galicia é unha anfitrioa xenerosa que ofrece o mellor das súas 900 praias, con 112 bandeiras azuis; dos seus 1.600 quilómetros de costa; da súa potencia termal, en Ourense; das súas sete reservas da biosfera declaradas pola Unesco; das súas 160 festas de interese turístico e das súas 10 rutas xacobeas, con máis de 380 Bens de Interese Cultural e nas que se mesturan as culturas de 180 países.

Así mesmo, salientou que a alta velocidade súmase a unha campaña que xa amosou o seu tirón en 2021, cun comportamento turístico 22 puntos mellor ca media nacional. “Estamos a falar dun tren de oportunidades para a provincia, para Galicia e para o turismo”, abundou, facendo fincapé na necesidade de que o AVE chegue a todas as cidades da Comunidade.

Cun peso no PIB da Comunidade do 10,4%, o titular do Goberno galego afirmou que a Xunta seguirá apoiando ao sector, como fixo coa posta en marcha de medidas de reactivación: cunha inxección de case 200 millóns de euros; ou con iniciativas como o Bono Turístico #QuedamosEnGalicia, que segue este ano cun orzamento de 1,5 millóns de euros, e o Seguro Coronavirus, que estará vixente ata o verán.

Ao longo da súa intervención, afirmou tamén que a Administración autonómica seguirá a traballar para que os datos de visitantes este 2022 alcancen novos récords. “Hoxe mesmo, agardamos a chegada a Santiago do peregrino coa compostela 100.000 e queremos seguir avanzando para intentar bater o récord de peregrinos que anotamos en 2019 e situarnos por riba das 347.000 compostelas”, precisou.

O titular da Xunta concluíu subliñando que os camiños galegos están abertos a todos; “aos galegos que queremos facer unha escapada sen saír da casa; ao resto das comunidades e ao turista internacional”, dixo, precisando que a estes últimos está dirixida unha campaña internacional, co fin de estender a invitación a turistas de países europeos, Estados Unidos ou Corea do Sur.

Este acto de presentación tamén contaba coa asistencia de autoridades como o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente do Clúster de Galicia, Cesáreo González; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; alcaldes, deputados, parlamentarios autonómicos, delegados territoriais e representantes do tecido socioeconómico de Galicia.

Os itinerarios xacobeos ourensáns: o Camiño de Inverno e a Vía da Prata

Nel tamén interviñan o presidente do Clúster de Turismo de Galicia e o vicepresidente da Deputación. Este último agradeceu a elección do Teatro Principal como sede da presentación desta campaña turística da Xunta de Galicia: “Esta é unha acción que ten que ver coa esencia do noso destino. O Camiño de Santiago en Ourense conta con dous itinerarios xacobeos recoñecidos: a Vía da Prata e o Camiño de Inverno”.

Son dous itinerarios, sinala o vicepresidente, “que permiten aos peregrinos vivir unha experiencia alternativa e tranquila, rodeados de natureza, con paradas obrigatorias para descubrir o noso patrimonio, que permite repoñer forzas coa nosa exquisita enogastronomía, e recuperarse desas camiñatas coas nosas augas mineiro medicinais. Catro compoñentes clave que falan da nosa esencia e que por elo están representados na nosa marca turística “OU” e que coinciden cos principais atributos valorados polos que visitan Galicia”.

Para acentuar o carácter multicultural da Ruta Xacobea, na creatividade da campaña, coa voz inconfundible de Xoel López, engadíronse novas historias de estranxeiros que realizan o Camiño de Santiago, así como localizacións e argumentos que incrementan a proxección internacional de Galicia, como é o fin do mundo ou o último atardecer de Europa. A campaña terá maior incidencia nos meses de xuño e xullo e continuará o resto do ano, buscando afianzar o Camiño como unha viaxe a ter en conta nesta década xacobea que se inaugura.

Artigos relacionados

Back to top button