DeportesÚltima hora

Preséntase a I Carreira e Andaina Popular da Veiga

Esta proba deportiva está prevista para o 16 de agosto neste concello valdeorrés
Acto de presentación da primeira edición da Carreira e Andaina Popular da Veiga, na Deputación de Ourense.
Acto de presentación da primeira edición da Carreira e Andaina Popular da Veiga, na Deputación de Ourense.

Dende a Casa Consistorial da Veiga partirá I Carreira e Andaina Popular, que se celebrará neste municipio o vindeiro 16 de agosto e cuxo percorrido será de 8 km. O deporte “debe ir vinculado ao turismo por iso organizamos esta primeira edición da carreira e andaina popular na Veiga para o mes de agosto por contar cun gran número de visitantes”, sinalaba o alcalde veigués, Juan Anta, na presentación da proba que se realizaba o 11 de agosto na Deputación de Ourense. Nela tamén se contaba co vicepresidente deste organismo provincial, Rosendo Fernández, co director técnico da Delegación de Atletismo de O Barco de Valdeorras, Agustín González, e co asesor de deportes da Deputación, Bernardino González.

O programa comezará coa andaina, cuxos participantes sairán ás 11:00 horas, despois será o turno dos corredores. Ao remate destas dúas actividades, a partir das 13:00 horas, será a quenda para os máis cativos, que participarán en carreiras de diferentes categorías.

Ata o momento esta cita, organizada polo Concello da Veiga e pola Deputación, xa conta con 30 inscritos. A inscrición ten un custo de 3 euros e pode facerse a través da web www.carreirasgalegas.com. No caso das probas das categorías inferiores esta inscrición será gratuíta.

O rexidor veigués tamén explicaba que “queremos traballar xuntos coa Deputación para promover o deporte e os seus valores, o deporte é clave para o turismo e desde o Concello de A Veiga imos a promovelo sempre”. De feito nesa mesma liña anunciaba que o Concello de A Veiga xa ten solicitado o Campionato de Galicia de Trail para o vindeiro ano.

Artigos relacionados

Back to top button