PolíticaÚltima hora

Preséntase a lista por Ourense da Marea Galeguista, encabezada por Milagros Corral

O acto tiña lugar na cidade das Burgas e contaba coa asistencia do candidato á Xunta por esta formación, Pancho Casal

 

A Marea Galeguista aposta por “desenvolver todas as potencialidades da provincia de Ourense, esquecida e discriminada”. Destacábao esta mañá na cidade das Burgas o candidato á presidencia da Xunta por esta formación política, Pancho Casal, durante a presentación da candidatura deste formación por Ourense ás vindeiras eleccións do 12X. Está encabezada por Milagros Corral.

Pedía ademais “discriminación positiva” para Ourense, algo que, segundo Casal, debe plasmarse na distribución dos fondos de reconstrución que vai recibir Galicia procedentes do Estado e da Unión Europea. “A que Feijóo anunciou hai catro anos que ía ser a lexislatura do rural foi un engano á cidadanía, pois calquera habitante do rural ourensán vive hoxe peor que hai catro anos”, aseguraba Casal durante a presentación que se iniciaba cunha foto dos membros da lista e logo continuaba cun almorzo informativo para a prensa.

 

Pancho Casal, candidato á Xunta pola Marea Galeguista.

 

Na súa intervención, o candidato da Marea Galeguista poñía en valor a industria textil e agrogandeira da provincia, sinalando que precisa dunha “aposta clara polo desenvolvemento dunha industria de transformación agrogandeira na provincia, así como polo posicionamento da provincia no futuro da industria da automoción”.

“Dentro dun lustro, máis do 90% dos vehículos que se produzan serán eléctricos e Ourense podería albergar unha grande fábrica de baterías eléctricas para proveer á industria automovilística galega”, comentaba Casal.

O candidato da Marea Galeguista fixo fincapé no problema da despoboación, cuxa solución pasa pola vertebración territorial do territorio “mediante unha rede de ferrocarril de proximidade por toda Galicia”.

A Marea Galeguista afirma crer nas potencialidades de Ourense para o futuro desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, “no que tamén debe ser protagonista o rural, onde se debería poder vivir e mesmo teletraballar”. Para isto, concretaba Casal, “precisamos servizos públicos de calidade e proximidade e conexión a internet de alta capacidade en cada recuncho da provincia”.

 

Milagros Corral, cabeza de lista por Ourense desta formación.

 

“É unha das últimas oportunidades para endereitar o rumbo desta provincia”

Pola súa banda, a candidata por Ourense, Milagros Corral, que foi moi crítica cos gobernos municipal e provincial de Ourense, amosábase ademais “moi halada, ilusionada e chea de responsabilidade, pero tamén con forza pola confianza depositada en min polos meus compañeiros para encabezar esta candidatura”. Expresaba así mesmo o seu agradecemento especial a Pancho Casal, “por permitirme formar parte deste proxecto que nace para ser reflexos dos desexos dos galegos e traballar arreo para solucionar as súas necesidades”.

Corral incidía en que “temos ante nós unha das últimas oportunidades para endereitar o rumbo desta esquecida provincia. Os indicadores demográficos e socioeconómico son, cada vez, menos esperanzadores, sabémolo ben, xa que o esmorecemento da provincia é alarmante. Urxen políticas estratéxicas pare reverter esta situación e tentar frear a sangría demográfica tanto a nivel provincial como nas comarcas, pois cada unha delas ten a súas particularidades e potencialidades. Hai que pór en valor todo o moito que temos, está nas nosas mans mudar estes gobernos inservibles dende hai décadas”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

A candidatura ourensá da Marea Galeguista ao 12X

 

Artigos relacionados

Back to top button