ConcellosÚltima hora

Preséntase en Madrid o libro “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives”

Este acto está previsto para o xoves 19 de decembro na Casa de Galicia

Presentación do libro o pasado verán en Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A comarca das Terras de Trives era en tempo unha zona de moita seitura. Un traballo duro, de moitas horas e baixo o sol do verán. Ligado a esta tarefa agrícola nacía un tipo de cantar, o de seitura, transmito de xeración en xeración. Esa tradición musical de séculos vén de ser recollida agora por Xosé Luis Foxo no libro “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives”.

Esta obra será presentada mañá xoves 19 de decembro na Casa da Galicia en Madrid, nun acto que será presentado polo gaiteiro Fernando Molpeceres, e no que se contará con Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense; ademais de con Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives; e Xosé Miguel Pérez, alcalde de San Xoán de Río. No decurso da presentación tamén intervirán cantareiras das Terras de Trives que interpretarán algunhas pezas da publicación e actuará a Banda de Gaitas Lume de Viqueira.

O “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives” recompila 320 cantares de seitura, romances, de berce, de cego, de reis e doutros xéneros todos nacidos nesa terra rica en cánticos e que Xosé Lois Foxo percorreu durante 35 anos. Un acervo do cancioneiro tradicional que inspirou a Rosalía de Castro e aos autores do Rexurdimento.

Os cantos de seitura das Terras de Trives traen ao presente vivencias e emocións de séculos que, apenas estaban recollidas por escrito, e que agora a través deste cancioneiro quedarán para o presente e o futuro coas súas letras e a súa música.

Artigos relacionados

Back to top button