CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase o libro “To name a Mountain” do gañador do V Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

A presentación tivo lugar na galería Photo Art de Ourense. // Foto: Carlos Asensio.

A Galería Photo Art de Ourense acolleu hoxe, 16 de febreiro, a presentación do libro “To name a mountain” de Alfonso Almendros, gañador do V Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Unha publicación que recolle todo a obra do proxecto presentado por este fotógrafo ao certame, que se enmarca dentro do Outono Fotográfico.

Un proxecto no que o autor representa a historia de Albert Bierstadt, un aventureiro explorador que fai unha viaxe a través das Montañas Rocosas co seu amigo e escritor Fitz Hugh Ludlow. No seu proxecto o Alfonso Almendros representa a impotencia e imposiblidade de Albert de alcanzar o amor da muller que lle gusta, a propia muller do seu amigo escritor.

O membro do xurado deste certame, Víctor Nieves, explicou na presentación que o V Premio Galicia de Fotografía é un proxecto “que está presente durante todo o ano en catro exposicións itinerantes”. En canto ao traballo premiado, asegurou que é “redondo” que dista do resto dos traballos. En concreto “é un foto documental ficcionado”, explicou.

A Deputación de Lugo é unha das entidades que colaboran con este certame e este foto-documental ficcionado está exposto no Pazo Provincial da cidade amurallada. A responsable de Cultural desta entidade,Pilar García, tamén estivo presente na presentación e salientou o “alto índice de curiosidade que subscita este premio” e reiterou que este concurso é “unha fórmula perfecta de transmitir valores á sociedade”.

Finalmente, o secretario xeral de Cultural, Anxo Lorenzo, que tamén estivo presente, amosou o seu contento “por ver crecer este premio que leva a Galicia como referente”. Lorenzo explicou que, a pesares de que a exposición do gañador está agora en Lugo, “é itinerante” e vai rotar por toda a comunidade. Neste eido, asegurou que os gañadores das edicións anteriores “seguen a ter vida expositiva”, xa que seguen a ser expostos en salas de toda Galicia. Ao mesmo tempo, reiterou que este premio “non está dedicado só a proxectos galegos” e que isto fai “que teña maior forza” xa que é un recoñecemento “á calidade e á excelencia”, declarou, tendo recoñecementos “máis aló do país”.

Artigos relacionados

Back to top button