EconomíaEconomíaÚltima hora

Preséntase no Barco a plataforma de venda online da Federación de Comercio de Ourense

 

Poñer o produto do comercio local e do sector primario ao alcance de todo o mundo. É o obxecto co que nace a plataforma de venda online promovida pola Federación de Comercio de Ourense. Conta xa cuns 700 establecementos adheridos e prevé poñerse en marcha en torno ao mes de setembro.

Esta iniciativa presentábase na tarde do 11 de agosto no salón de actos do multiusos do Barco nun acto que contaba coa asistencia da presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, así como do directivo desta entidade Juan Carlos Fernández e do enxeñeiro informático José Prieto. Tamén acudía o alcalde barquense, Alfredo García, así como membros do Barco Centro Comercial Aberto e da Asociación Empresarial de Valdeorras.

 

Beatriz Gómez, presidenta da Federación de Comercio de Ourense, na presentación./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Levamos meses desenvolvendo esta plataforma”, comentaba Beatriz Gómez na apertura da presentación, destacando ademais o valor e importancia do comercio nas vilas ourensás. “Nestes tempos que estamos vivindo con esta pandemia sanitaria e económica, o comercio está sufrindo moito e aumentou un 30% a venda online en España. Dadas esas cifras e dada a situación que vivimos e que imos vivir en tempos futuros entendemos que esta plataforma é unha ferramenta, sobre todo, para o comercio de proximidade e para pequenos produtores. Agradezo a vosa asistencia e espero que vos ilusionedes con este proxecto como estamos ilusionados nós e que de verdade sexa unha ferramenta positiva para os vosos comercios e establecementos”, concluía.

 

Un dos momentos da presentación.

 

Deseguido, José Prieto explicaba o funcionamento técnico do sistema desta plataforma “especificamente pensada para o comercio local e o sector produtivo primario”, algo que a fai diferente do 99% das que existen no mercado. Unha das súas singularidades éque posúe un desenvolvemento completamente vertical e propio. “Está deseñada a medida dende o punto cero para servir como un marketplace de comercio local, iso implica que ten diferentes características que as demais non teñen como por exemplo é o xeoposicionamento, que supón que poidamos acceder ás ofertas de produtos de interese en función de cercanía”, indicaba Prieto.

Ademais ten un sistema check para enviar ofertas e promocións personalizadas, aporta un xerente de conta, é dicir unha persoa que xestiona e apoia a non máis de 50 empresas. E, para a “xente que forma parte da federación o custo de estar na plataforma e do seu mantemento é cero, e a subida de artigos é ilimitada, cantos máis artigos teñamos, máis atractivos seremos para o consumidor. Só se aboará o 5% de cada transacción de venda que se realice a través da plataforma”, explicaba Prieto.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button