DeportesÚltima hora

Preséntase no Barco o equipo ciclista Tres Lunas D.O. Valdeorras-Vauto

A recepción oficial tiña lugar na tarde do 16 de xuño coa presenza dos deportistas e autoridades

En agosto de 2017 o proxecto dun equipo ciclista comarcal aínda estaba sobre a mesa e en menos de cinco meses o equipo de competición Tres Lunas D.O. Valdeorras-Vauto xa era unha realidade. Non foi un camiño de rosas pero si rápido e hoxe, sábado 16 de xuño, era presentado oficialmente.

O acto tiña lugar no Salón de Actos do Concello do Barco de Valdeorras, da man do creador e director deportivo David Álvarez, encargado de presentar aos asistentes entre os que estaban o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, principal patrocinador; o deputado provincial e alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez; a concelleira do Barco, Irene Dacal; e o alcalde da Rúa, Luís Fernández, estos últimos representantes dos seis concellos da comarca que apoian o proxecto (desculparon a súa ausencia os de Rubiá, Larouco e Petín), porque realmente este é un equipo da comarca cuxo principal obxectivo é levar o nome de Valdeorras ao máis alto do mundo da BTT, modalidade na que está especialidado o club que ampara ao equipo.

Así o entenden todos os presentes que amosaron publicamente o seu apoio. Juan Anta asegurou que “sempre tiveron claro que ían representar con orgullo un territorio e para elo introducen xente de aquí e verdadeiros campións polo que sempre terán o noso apoio”. Irene Dacal pola súa banda animou ao equipo a “tirar para diante”, consciente da dureza deste deporte e dos sacrificios que conleva. Orgulloso tamén de colaborar co proxecto se amosou Luís Fernández para quen é “un fito na nosa comarca que haxa un equipo que leva o seu nome e o de cada concello polo mundo adiante”.

O último en intervir foi o presidente do C.R.D.O. Valdeorras quen explicou como se implicaron co proxecto. “Ao principio pensamos que simplemente viñan pedir cartos, pero trala primeira reunión xa nos dimos conta de que presentaban unha iniciativa relevante e de comarca, que é o que nós queremos promocionar e aínda que en Valdeorras hai moito máis que viño, este é un sector importante e canto máis se coñeza fóra das nosas fronteiras moito mellor”.

 

O equipo Tres Lunas D.O. Valdeorras-Vauto coas autoridades na recepción celebrada no Barco.

E tralas intervencións oficiais chegaba o momento clave do acto, a presentación do equipo, contando con boa parte dos seus membros, de Valeorras e tamén doutros puntos de Galicia e do Bierzo. A idea de crear o equipo nacía de David e Jesús, ámbolos dous de Quereño (Rubiá), localidade onde xerminou, pero pouco a pouco foron implicando a xente e hoxe son moitos, mesturando veteranía e xuventude. Dende Cabana de Bergantiños vén Gustavo Nanton “un home de equipo como poucos” e dende Valdeorras tres importantes pezas: Jesús Rodríguez dende Quereño, Pablo Diéguez dende A Rúa, o “corredor que máis lonxe levou o selo do equipo e da comarca como Titan finisher“, e Nando Lopes “xove promesa dende O Barco”. Dende Santiago chega Juan Leis “recente subcampión da ruta Extrema Cidade de Ourense, puntal indispensable desta familia, polos seus valores e pola súa forma de entender o ciclismo” e dende Vigo Brandán Márquez, dúas veces campión de España de longa distancia e varias veces campión galego que participará no europeo que se disputará en Vielha. E por último, da veciña comarca do Bierzo chegan outros catro corredores: Antonio Librán “máster 40”; Julio Rivera, ex ciclista profesional e apoio loxístico; Jorge Lorenzo, recente campión de Castela León e subcampión dos 101 Peregrinos; e Mónica Restrepo, actual campiona de España máster 30 entre outros moitos títulos. Tamén forman parte do equipo, Dani Caneiro que está participando na copa Galicia de Rallye en Maceda e Mar Delgado, campiona de España que disputará o Mundial coa selección española.

Malia os poucos meses de vida o Tres Lunas D.O. Valdeorras-Vauto leva conseguidos xa varios logros. O principal, levar o nome de Valdeorras por toda España; e tamén diferentes trofeos entre os que destaca os campionatos de Brandán e Mónica e o quinto posto por equipos na Andalucía Bike Race, por diante de estruturas profesionais e pelexando cos mellores. E por diante, un futuro prometedor coa Tres Lunas Race de Quereño como buque insignia e a futura escola ciclista de Valdeorras.

Trala recepción, os asistentes compartiron unha merenda e un viño de Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button