CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Preséntase no Barco o primeiro poemario do vicario Francisco Javier Redondo

O acto, celebrado na tarde do 28 de xaneiro, contou coa presenza do historiador Isidro García Tato

“Toda primeira presenza ten a alegría dunha alborada”, di Francisco Javier Redondo de Paz, e iso é o que espera transmitir co seu poemario “Cantos de lejos”, unha obra que recolle preto de setenta pezas “escritas a maioría hai bastante tempo, algúns cando tiña dezasete anos, que gardaron silencio ao longo destes anos; nembargante sempre quixeron voar porque o desexo máis escondido de toda palabra é dirixirse a outro so pena de evaporarse”, asegura o seu autor.

A presentación deste volume, “pequeno en tamaño pero grande en contido artístico”, en palabras de Isidro García Tato, historiador, doutor en Filoloxía e Teoloxía, tiña lugar na tarde do 28 de xaneiro no salón de actos do Edificio Multiusos do Barco de Valdeorras, da man do Instituto de Estudos Valdeorreses, nun acto que se abría cun minuto de silencio polo falecemento esa mesma tarde, dun xove, membro do equipo de fútbol sala Pizarras Tres Cuñados, nun accidente de tráfico. O presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado estivo presente, así como o valdeorrés García Tato, encargado da exposición sobre o autor e a propia obra, malia considerarse a si mesmo “limitado no ámbito da poesía”.

Francisco Javier Redondo de Paz é vicario episcopal territorial de Galicie e El Bierzo (Diócese de Astorga), ademais de párroco en numerosas localidade, entre elas El Puente de Domingo Flórez, así como licenciado en Teoloxía pola Universidade de Salamanca, polo que ao acto acudiron numerosos sacerdotes e o alcalde do Puente, Julio Arias, ademais de amigos e veciños de Valdeorras.

Máis información na vindeira edición do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button