En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Preséntase o Centro de Día O Salgueiral, un novo servizo para a comarca de Valdeorras

As súas instalacións, ubicadas na rúa Salgueiral do Barco, abríanse ao público na tarde do 27 de decembro

“Galicia e a provincia de Ourense contan cunha das poboacións máis envellecidas, os servizos públicos non poden cubrir toda a atención e aí onde está a parte privada para dar tamén ese servizo. O noso é un centro socioterepéutico onde traballaremos cuns obxectivos persoais e un plan individualizado cos nosos usuarios”. Deste xeito explicaba Patricia López, directora-xerente do Centro de día O Salgueiral, a filosofía deste novo servizo que vén de poñerse en marcha na comarca de Valdeorras durante o acto de presentación celebrado nas súas instalacións (na rúa Salgueiral, nº7 do Barco) na tarde do 27 de decembro.

Este centro conta con 31 prazas, ás que pode accederse logo dunha entrevista previa coa persoa. Ofrece servizos básicos (valoración integral da persoa, servizo de manutención e dietas específicas, asistencia nas actividades básicas da vida diaria) e terapéuticos (terapias de estimulación cognitiva, xerontoximnasia e actividades de psicomotricidade, manualidades e atención social, terapias de animación sociocultural e musicoterapia, asesoramento e orientación familiar), así como outros complementarios.

“Traballaremos cos usuarios e coas súas familias, para apoialas con cariño, con respecto. Queremos transmitirlle esa cercanía e esa calidez que pensamos que é básica e indispensable”, destacaba Patricia López, que neste proxecto conta co respaldo da súa irmá e tamén cun equipo formado por Patricia e Vera. “Decidín dar este paso despois de dez anos dedicada á xeriatría”, comentaba. Ademais agradecía o apoio da súa familia, dos seus amigos e do GDR Valdeorras, a través do cal recibía unha axuda do Leader para poñer en marcha este proxecto. No acto estaba tamén o seu xerente, Luis Rodríguez.

Tras a presentación, os numerosos asistentes percorrían as instalacións que inclúen, entre outros espazos, unha sala polivalente, unha sala de fisioterapia e outra de enfermería, ademais de zonas de oficina e cociña. Despois servíase unha degustación de petiscos e viños.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button