CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase o concurso de curtas “Valdeorras, denominación de cinema”

Desenvolverase do 26 de agosto ao 1 de setembro na comarca e as súas bases dábanse a coñecer na Casa de Galicia en Madrid

 

A Casa de Galicia en Madrid acollía esta mañá a presentación de “Valdeorras, denominación de cinema”, primeiro concurso express de curtametraxes nacional que se celebrará en Valdeorras do 26 de agosto ao 1 de setembro. Con el preténdese, segundo os seus promotores, ofrecer a comarca como un “marabilloso estudio de rodaxe” no que os interesados na sétima arte poden atopar “case todo tipo de localizacións naturais”.

Na presentación, que estivo presidida polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega, interviñeron: os organizadores do concurso Xavi Castro e Olalla Rodríguez; Jhon Varo da empresa AA360; e Araceli Fernández, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Os organizadores deron a coñecer as bases e para poder participar e que a curtametraxe sexa aceptada no certame “é indispensable gravar nalgunha das localizacións propostas pola organización”. A inscrición é totalmente gratuíta e estará aberta ata o 5 de agosto. “Cal rodaxe de guerrilla, os concursantes terán 5 días para idear, rodar e montar os seus proxectos en diferentes zonas asignadas e poderán competir ademais en dúas categorías: ficción ou documental e publicidade. Un reto de rodaxe express que busca incentivar aos creadores máis orixinais e á vez explorar todas as posibilidades que ten Valdeorras como set de rodaxe”.

 

 

Tamén explicaron que hai dúas modalidades de rodaxe, unha de ficción ou documental e outra de publicidade. Para Araceli Fernández, “a DO Valdeorras, a pesar de ser a segunda máis antiga de Galicia e moi coñecida porque apostou pola godello como variedade autóctona, moita xente non sabe nin onde estamos, polo que esta é unha oportunidade que queremos apoiar con entusiasmo, e brindar por ela co noso viño”.

O concurso está organizado pola produtora Sintelobos, coa colaboración da empresa AA360, e patrocinado pola Denominación de Orixe de Valdeorras, quen ofreceu unha copa de viño para brindar polo éxito da iniciativa.

 

Artigos relacionados

Back to top button