DeportesÚltima hora

Preséntase o dispositivo de seguridade da Policía Nacional na “Vuelta Ciclista a España”

A Unidade de Intervención Policial establecerá a diario un dispositivo de seguridade na saída e na meta de cada etapa que cubrirá, tanto o primeiro centenar de metros de carreira como o último kilometro antes da chegada

Acto de presentación do dispositivo da Policía Nacional para a Vuelta, en Burgos./ Foto cedida.

 

A cidade de Burgos acolle neste 14 de agosto a saída da 76 edición da “Vuelta Ciclista a España”, que pasará entre outros puntos galegos por Monforte de Lemos e, como cada ano, a Policía Nacional despregará un dispositivo de seguridade en cada etapa. Ata o próximo 5 de setembro cando finalice en Santiago de Compostela, “uns 80 axentes velarán pola seguridade e protección dos deportistas e afeccionados en xeral e garantirán o mantemento da orde pública”, tal e como informa a Dirección Xeral da Policía. O acto de presentación deste dispositivo tiña lugar onte venres na cidade de Burgos.

A UIP -Unidade de Intervención Policial- establecerá un dispositivo de seguridade na saída e na meta de cada etapa, asumindo a protección de todas as instalacións establecidas pola organización como o control de firmas, a entrega de acreditacións, estacionamento de equipos, pódium ou control de dopaxe. Igualmente despregarase un perímetro de seguridade no primeiro centenar de metros de carreira e o último quilómetro antes da chegada á liña de meta.

Naquelas cidades que acollan a saída ou chegada dunha etapa, e cuxa demarcación territorial sexa competencia da Policía Nacional, o dispositivo será reforzado por máis unidades de seguridade cidadá, guías caninos, subsolo ou o servizo de helicóptero. Por exemplo, durante a etapa inaugural que mañá percorrerá as rúas burgalesas, outros 24 axentes pertencentes á comisaría provincial de Burgos sumaranse ao dispositivo habitual establecido pola UIP.

Visita a nosa caseta no “Parque Vuelta”

Durante todas as etapas de “A Volta”, a organización establecerá unha zona na meta destinada ao merchandising dos distintos patrocinadores do evento deportivo. Alí situarase unha caseta da Policía Nacional onde se exhibirá material de diversas unidades policiais e, ademais, axentes atenderán a calquera visitante interesado.

Artigos relacionados

Back to top button