En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Preséntase o Ecobarrio de Ourense, o primeiro de Galicia

Esta iniciativa, cun investimento de 20 millóns de euros, prevé mellorar a eficiencia enerxética un 20%, que o 20% da enerxía consumida proveña de fontes renovables e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro un 30%

O ecobarrio da Ponte, en Ourense, converterá a Galicia e a Ourense nun exemplo de transformación urbana sustentable que reproduce a pequena escala, a nivel de barrio, o que van ser as cidades europeas do futuro. Así o destacaba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na presentación deste proxecto, celebrada en Ourense na mañá do 19 de marzo.

Durante este acto, no que tamén participou o comisario de Acción polo Clima e Enerxía da Comisión Europea, Miguel Arias Cañete; o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o alcalde ourensán, Xesús Vázquez, Feijóo sinalou que con este proxecto Ourense transfórmase nunha cidade pioneira na loita contra o cambio climático, na redución de consumo enerxético e no aproveitamento dos recursos naturais enerxéticos. Ademais de poñerse novamente de manifesto o potencial da autonomía no ámbito das enerxías renovables.

Sobre este punto, precisou que coa posta en marcha do primeiro ecobarrio na Comunidade, Galicia pasará a ser un referente en xeotermia. Non en van, un dos principais obxectivos será establecer na zona a primeira rede de xeotermia de Europa, aproveitando esta fonte de enerxía para abastecer de calefacción e auga quente a medio centenar de edificios do contorno.

Cun investimento de 20 millóns de euros e a creación de 300 postos de traballo, o titular da Xunta lembrou ademais que esta iniciativa prevé mellorar a eficiencia enerxética un 20%, que o 20% da enerxía consumida proveña de fontes renovables e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro un 30%.

Así mesmo, o proxecto recolle tamén a posta a punto de fachadas e envolventes térmicas en colexios, institutos e outros inmobles como a futura estación intermodal; a substitución da iluminación actual por tecnoloxía led, tanto nos edificios como nas rúas; o fomento da mobilidade sustentable; e a posta en marcha da Oficina do ecobarrio, para informar á comunidade de veciños e ás asociacións sobre as axudas e actuacións en materia de eficiencia enerxética.

“Que Ourense se convirta en referente internacional, en todo o mundo, no que ao aproveitamento de enerxías renovables é, por si mesmo, unha das noticias máis importantes que recibe esta cidade nas últimas décadas. É por iso, hoxe é un día de orgullo e no que quero facer partícipe a toda a cidadanía”, aseguraba o alcalde, Xesús Vázquez., “que mediante este proxecto se mellore a calidade de vida dos veciños e veciñas do barrio da Ponte e o seu acceso á enerxía é, sen dúbida, un motivo máis que xustificado para sentirnos orgullosos de ter acadado algo tan innovador, pioneiro e revolucionario”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button
Close