ConcellosÚltima hora

Preséntase o II SilFest, un festival multicultural á beira do río

O evento celebrarase na fin de semana do 19 ao 21 de agosto no Barco de Valdeorras
Oorganizador do SilFest, Jorge Álvarez e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, na presentación. /Foto: Mónica G. Bellver.
Oorganizador do SilFest, Jorge Álvarez e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, na presentación. /Foto: Mónica G. Bellver.

Cinema, viño, gastronomía, moita música e este ano tamén poesía, actividades infantís e un mercadiño. Son os ingredientes cos que o SilFest ten preparada a segunda edición que se celebrará os días 19, 20 e 21 de agosto á beira do Sil ao seu paso polo Barco de Valdeorras.

Precisamente aí, a carón do río, tiña lugar a presentación do evento na mañá do 6 de xullo por parte do organizador, Jorge Álvarez e da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta. Co Sil de fondo, Jorge explicou as novidades do festival que presentou como “multicultural”, como a batalla de poetas “Proetry Slam Silfest” no que reivindicarán a figura do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán de cara ao Día das Letras Galegas, prevista para o venres 19 de agosto ás 20:30h. Ese día tamén se proxectará o filme “Begin Again” que pecha o ciclo de “Cine ao aire libre” e abre a “Semana de Cine” do Cine Club Groucho Marx (22:30h.).

Jorge amosa o cartaz do II SilFest. /Foto: Mónica. G. Bellver.
Jorge amosa o cartaz do II SilFest. /Foto: Mónica. G. Bellver.

Coa praia fluvial como marco incomparable, o festival ofrece un sinfín de posibilidades para todos os públicos. “Este ano tamén teremos un mercadiño con postos de artesanía e roupa vintage, e obradoiros infantís tanto o sábado como o domingo, mantendo o tema do viño aínda que aumenta o número de adegas da DO Valdeorras, pasando de unha no ano pasado a cinco”, explica Jorge, engadindo que haberá unha cata prevista para o sábado 20 de agosto ás 12h.”

E con respecto ao apartado musical The Lákazans (Boiro) abrirá o festival o venres pola noite (00:30h.) mentres que o grupo local de versións Los Íñigos, repite actuación na sesión vermú do sábado (13:30h.). A sesión de noite abriraa o grupo local Big Crunch! e tamén estarán Presumido, Maryland, The Morgans (El Bierzo) e Correos (San Sebastián). O domingo, para pechar, estará Cora Sayers (Pontevedra) que actuará en torno á 13:30h.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button