CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase o libro “Esgrafiados na Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago”

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañou hoxe á antropóloga Mar López na presentación da obra “Esgrafiados na Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago. Obras de arte e simbolismo nas parades”, un traballo no que se recollen mostras desta técnica ornamental que se usa na decoración dos muros e fachadas, e que inclúe unha exposición de fotografías que se poderá visitar desde hoxe no instituto Campus Stellae de Santiago de Compostela.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas; aproveitou o acto para agradecer o labor feito por Mar López para ofrecer unha “fotografía do noso pasado e un gravado atemporal da nosa personalidade colectiva”. Neste sentido, referiuse ao seu traballo como “formidable” polo prolífico labor de documentación, a súa vocación divulgativa e o coidado minucioso co que nos presenta as imaxes.

“É importante incorporar iniciativas como a de Mar López para reivindicar o valor natural e artístico que posúe a Ribeira Sacra e amplificar aínda máis a imaxe que queremos proxectar deste privilexiado enclave lucense e ourensá”, salientou Román Rodríguez antes de engadir que o Goberno galego quere “contar co maior número posible de apoios para que que o sono común de que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco obteña o si definitivo”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a relación dos esgrafiados co Camiño de Santiago e destacou que “estamos diante dun traballo con moito percorrido, que nos permitirá enriquecer o noso patrimonio cultural e etnográfico tanto de Galicia como da Ruta Xacobea” ao tempo que destacaba a necesidade de garantir tanto a súa conservación como o seu coñecemento e recoñecemento.

Máis de 720 pezas analizadas

O traballo feito pola antropóloga conta co apoio do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia, o instituto Campus Stellae e a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) e ofrece unha análise de máis de 720 pezas que denota, tal e como salientou o conselleiro, “unha paixón clara pola antropoloxía, a arte e o territorio”.

O resultado desta investigación reflíctese na obra presentada hoxe creando unha guía patrimonial distinta e unha experiencia natural que nos traslada a lugares agochados da demarcación ribeirense a través dunha cronoloxía rotunda sobre o legado destes traballadores que crearon un xénero propio: os esgrafiados de estilo galego.

A recuperación de esgrafiados é un dos obxectivos recollidos no Pacto pola Paisaxe para a protección, xestión e ordenación da paisaxe na Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) Ribeira Sacra.

Artigos relacionados

Back to top button