CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase o libro “O Entroido de Xinzo de Limia”

O acto foi un recoñecemento ao traballo de investigación do autor, o limia Edelmiro Martínez

Presentación do libro “O Entroido de Xinzo de Limia”.

 

Na noitiña do venres 19 de novembro, o auditorio da Casa da Cultura de Xinzo de Limia quedábase pequeno para dar cabida aos veciños que quixeron participar na presentación do libro O Entroido de Xinzo de Limia, do escritor e historiador limiao Edelmiro Martínez Cerredelo, demostrando así o seu apoio ao autor e o seu compromiso coa celebración e a súa historia. De feito, tal como explican dende o Concello, eran moitos os que agardaban este acto literario que tivo que pospoñerse hai uns meses e que puxo en valor unha festa que está previsto que volva a vivirse no 2022, iso so, adaptándose aos tempos de pandemia.

O acto comezaba coa actuación da agrupación da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo e coa proxección do vídeo que promociona o Entroido limiao. A alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, agradeceron a Edelmiro Martínez Cerredelo, Miro, a súa “enorme aportación á cultura local e á memoria do concello”. Do mesmo xeito, destacaron a súa “capacidade de investigación en arquivos, documentación e recuperación de materiais históricos”.

 

Portada do libro.

 

Tamén interviñeron Carlos Valle, novo presidente da Asociación A Pantalla; o novelista Antón Rivero Coello e Federico Cocho, resaltando a importancia da publicación “que faltaba e por fin temos”.

Pola súa parte, Martínez Cerredelo confesouse sorprendido polas enormes expectativas que causou a súa obra na poboación, explicando as dificultades que tivo á hora de conseguir a documentación precisa. Nesta liña, quixo subliñar que os “tesouros” particulares, se non son publicados, corren o risco de perderse para sempre.

 

Artigos relacionados

Back to top button