ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Preséntase o plan de abastecemento autónomo de San Xoán de Río

Busca dotar ao Concello de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servizo

 

Esta tarde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de presetar o proxecto do Plan municipal de abastecemento autónomo no Concello de San Xoán de Río, que foi un dos seis municipios seleccionados pola Xunta para levar a cabo este programa piloto.

Mediante esta iniciativa, Infraestruturas trata de dotar as entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servizo, de competencia municipal.

No encontro desta tarde, que contaba coa presenza do alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez, técnicos de Augas de Galicia deron a coñecer as liñas básicas desta iniciativa, dotada con 150.000 euros neste municipio ourensá, e recolleron información sobre a rede e as infraestruturas existentes cos propietarios e representantes das traídas veciñais e das comunidades de usuarios de augas.

Nesta fase inicial do proxecto están a manterse reunións cos veciños e representantes das traídas municipais dos 6 concellos que participan na iniciativa que, xunto co de San Xoán de Río, son: Mondariz, Oia, Cerdedo-Cotobade, Baleira e Oímbra.

Así, nesta primeira fase estase procedendo á recompilación de información por parte dos técnicos de Augas de Galicia de mans dos responsables das traídas co obxectivo de realizar un inventario e estudo dos sistemas de autoabastecemento.

 

 

Posteriormente, acometerase unha análise dos datos recollidos e farase unha proposta de melloras para adoptar nestas redes de subministración de auga potable e, finalmente, elaborarase o documento do Plan municipal de abastecemento autónomo que recollerá as pautas, requisitos e necesidades para este tipo de traídas.

Esta iniciativa da Xunta persegue mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo e promover as actuacións necesarias para garantir unha autoxestión sostible e segura.

Estes encontros nos municipios que resultaron seleccionados nesta iniciativa, celebráronse xa en Mondariz, en Oia, en Cerdedo-Cotobade, en Oímbra e en Baleira, completándose hoxe no concello ourensán de San Xoán de Río esta primeira fase dos traballos.

A Xunta destina un investimento de 900.000 euros para desenvolver estes plans, que teñen como obxectivo achegar aos usuarios deste tipo de sistemas de abastecemento as claves para unha autoxestión sostible, segura e resiliente, que poida ser exportada a outro tipo de sistemas de autoabastecemento de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button