ConcellosEn portadaQuirogaÚltima hora

Preséntase o programa da XL Feira do Viño de Quiroga, prevista do 16 ao 17 de abril

Entre os actos figuran diversas actividades musicais, entre elas o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

Presentación da vindeira edición da Feira do Viño de Quiroga.

 

O Concello de Quiroga vén de presentar o programa de actos da XL Feira do Viño de Quiroga, que se celebrará o 16 e 17 de abril e na que por primeira vez acudirán os adegueiros profesionais. Na presentación que tiña lugar en Monforte de Lemos, participaban o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, o concelleiro de Cultura, José Luis Rivera, e varias das adegas que participarán na feira.

Tras o parón obrigado pola crise sanitaria, retómase esta mostra e con novidades. Como matizou o rexedor local, “estamos no inicio dunha nova etapa na historia do certame, que sen perder a súa esencia, camiña cara a modernidade”.

Quiroga aposta nesta edición pola apertura ás adegas que elaboran o seu viño con uvas procedentes de Quiroga, por ser as que conseguen o recoñecemento tanto a nivel nacional como internacional dos nosos caldos, sen esquecer o destacable labor dos viticultores quirogueses que contribúen co seu traballo a poñer a mellor materia prima para a elaboración deses viños.

 

 

Ademais das once adegas que participan no certame (Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV 2015, Fructuoso-Hobbs, Lar de Ricobao, Ponte da Boga, Purificación Díaz Ferreiro, Rectoral de Amandi, Terrazas de Outeiro e Val de Quiroga) acudirá en calidade de invitada a adega Son do Arrieiro, premio “Vida entre Vides” 2021 da Denominación de Orixe Ribeiro. A comisión organizadora decidiu que cada ano acuda ademais das adegas participantes, unha adega doutra Denominación de Orixe (galega ou española) en calidade de invitada.

No acto de presentación enumeráronse os actos que complementan este certame vitivinícola. O concurso de tampas (do 6 ao 15 de abril), o desfile da Confraría do viño de Quiroga (9 de abril) e unha cata comentada (15 de abril) servirán de prolegómenos a unha feira que inaugurará o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.

O concurso de camisetas, espectáculos de animación infantil, grupos musicais e charangas completan un programa no que o actor Iván Sanchez exercerá de pregoeiro.

Artigos relacionados

Back to top button