CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Preséntase o programa “Lingua rodada” que aposta pola alfabetización audiovisual en galego

O prazo para que os centros educativos soliciten a súa participación no programa abrangue do 10 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2020 e o prazo de envío dos vídeo-relatos vai do 4 de febreiro ao 4 de marzo

 

Entre xaneiro e maio deste ano a Xunta de Galicia desenvolverá o programa de dinamización do galego Lingua rodada, que se presentaba nesta mañá no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. O acto contaba coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que explicaba que Lingua rodada incide na “alfabetización audiovisual en galego e na promoción e uso da nosa lingua entre a mocidade a través dos soportes e canles en que os rapaces e rapazas se moven habitualmente”.

Así mesmo, o secretario xeral indicaba que “queremos que sirva de espazo e plataforma de expresión para aqueles mozos e mozas que teñen ideas e ganas de contalas na nosa lingua e que poden ser semente de futuro para o cine galego, porque, como dixo Chano Piñeiro, a quen lle queremos render homenaxe con este proxecto, facer cine en Galicia é posible e facelo en galego é necesario”. Xunto co secretario xeral, participaron na presentación de Lingua rodada Rubén Riós, actor e director da produtora Claqueta Coqueta, que xestionará o proxecto.

Lingua rodada é unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Turismo coa finalidade de potenciar o uso do galego e a súa valoración positiva entre as xeracións máis novas, en consonancia co Plan de dinamización do galego na mocidade 2019-2022. A proposta conta coa colaboración da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Certame de microrrelatos

Consiste nun certame de microrrelatos levados á imaxe por medio de pequenos vídeos realizados co teléfono móbil por rapaces e rapazas que teñan entre os 12 e os 17 anos e cursen ESO, primeiro de bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio ou ensinanzas especiais en centros de titularidade da Xunta.

Os autores das tres curtas preseleccionadas recibirán un obradoiro impartido por un especialista do sector audiovisual que lles permitirá mellorar a súa proposta. Pola súa banda, os creadores do vídeo que resulte finalmente gañador participarán nunha estadía rural de dous días durante a que rodarán o seu vídeo-relato cun equipo de profesionais do audiovisual ao seu cargo e posteriormente asistirán á XVII edición do Festival de Cans, onde terán ocasión de presentar o seu traballo.

O prazo para que os centros educativos soliciten a súa participación no programa abrangue do 10 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2020 e o prazo de envío dos vídeo-relatos, do 4 de febreiro ao 4 de marzo. As bases completas poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close