ConcellosÚltima hora

Preséntase o proxecto de difusión audiovisual do Camiño de Inverno para o Xacobeo 21/22

O acto tiña lugar tras a asemblea celebrada hoxe pola Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Santiago

Mouteira de lousa no Camiño de Inverno ao seu paso por Valdeorras. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

No Centro de Acollida do Peregrino en Santiago de Compostela tiña lugar neste 13 de xullo a V Asemblea Xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno. Na mesma os socios debateron diferentes aspectos relacionados co funcionamento ordinario da Asociación.

Neste senso, “destaca a vontade de retomar, a partir do outono do presente ano, as actividades presenciais en espazos abertos tales como a realización dunha serie de rutas promocionais do Camiño de Inverno ao seu paso por cada comarca”, segundo se vén de facer público dende esta entidade.

As datas elixidas para estas rutas son, segundo a asociación, as seguintes:
• 19 de setembro: Zona Bierzo.
• 2 de outubro: Zona Valdeorras.
• 16 de outubro: Zona Quiroga.
• 30 de outubro: Zona Riberira Sacra/Monforte.
• 13 de novembro: Zona Rodeiro/Lalín.
• 27 de novembro: Zona Vedra/Santiago.

Unha vez finalizada a asemblea, a asociación procedía a presentar o proxecto de difusión audiovisual para o Xacobeo 21/22. Esta iniciativa consiste nun vídeo integral do Camiño de Inverno, que fai especial fincapé nos aspectos patrimoniais, sensoriais e paisaxísticos que determinan e definen esta Ruta Xacobeo.

Este vídeo, xa dispoñible na canle youtube da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, compleméntese con 22 audiovisuais breves referentes a cada un dos municipios que forman parte do Camiño de Inverno.

Acompañaron neste acto de presentación á presidenta da Asociación, María Concepción Vega, concelleira de Cultura e Turismo de Ponferrada, Ildefonso de Cámpaa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, e José Luis Raposo, deputado responsable da área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo.

Artigos relacionados

Back to top button