ConcellosSoberÚltima hora

Preséntase o proxecto para mellorar a accesibilidade ao embarcadoiro dos Chancís (Sober)

Este proxecto ten un orzamento de 194.000 euros e busca mellorar o confort dos turistas que se acheguen a desfrutar deste recurso turístico da Ribeira Sacra, de gran interese paisaxístico

 

O embarcadoiro dos Chancís (Sober) acollía esta mañá o acto de presentación dun proxecto para mellorar a accesibilidade a este recurso turístico, situado na Ribeira Sacra. A Xunta de Galicia destinará a esta intervención 194.000 euros coa que aposta por un “turismo accesible para todos ao incluír a creación dun novo acceso peonil adaptado para persoas con mobilidade reducida, así como o traslado do pantalán a outra zona co obxectivo de facilitar a entrada ás embarcacións utilizadas nos percorridos turísticos dos Canóns do Sil”, tal e como sinalaba no acto o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que estaba acompañado polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Rueda indicaba que a Ribeira Sacra é un destino consolidado e cada vez máis demandado polos turistas, que no actual escenario marcado pola pandemia da Covid-19 reclaman un turismo tranquilo en espazos naturais como os que ofrece Galicia, por exemplo, a través das rutas fluviais polo río Sil. Trátase, por tanto, dunha oferta turística atractiva neste momento ao ser unha actividade ao aire libre e en pleno contacto coa natureza e que podería impulsarse coa declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial no 2021.

 

O alcalde de Sober durante a súa intervención.

 

No acto tamén tomaba a palabra o alcalde de Sober, quen aseguraba que “estamos nun momento decisivo de cara á consecución desa declaración do territorio como Patrimonio da Humanidade e un dos problemas máis grandes que temos aquí é o da mobilidade en puntos tan importantes como o Canón do Sil, que cada vez teñen máis visitantes”.

Nese senso, Luis Fernández explicaba que “o que se presenta hoxe é un embarcadoiro accesible, cunha rampa de acceso que permita que calquera persoa de mobilidade reducida poida chegar ao propio embarcadoiro”, ademais de mellorar o acceso en autobús e vehículos ata ese punto”. O rexedor agradecía á Xunta e a todo o equipo de Turismo de Galicia o apoio nesta iniciativa, “levamos moito tempo loitando para que se faga realidade”, concluía.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button