ConcellosParada de SilÚltima hora

Preséntase o servizo de bus lanzadeira Parada de Sil-Mosteiro de Santa Cristina

Esta iniciativa está incluída dentro do Plan de Sostibilidade Turística Ribeira Sacra

 

O Mirador de Castro acollía na tarde deste 27 de xullo a presentación do servizo de bus lanzadeira de acceso dende Parada de Sil ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende reducir o tráfico privado para preservar a contorna natural e que forma parte do Plan de Sostibilidade Turística, que promove o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. En concreto esta medida está enmarcada no eixo estratéxico “Transporte Público Sostible”.

O bus lanzadeira pretende evitar que o incremento da demanda turística xere un impacto crecente sobre o territorio. Esta liña de transporte público ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil fará o seu percorrido de mércores a domingo, con frecuencias e prezos atractivos e con efecto disuasorio cara o uso do vehículo privado.

Esta presentación contaba coa presenza do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, que estaba acompañado polo alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; e polo presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández, entre outras autoridades. Todos coincidían en que o que hoxe se presentaba, a carón dunha das xoias do románico da Ribeira Sacra, “é moito máis que un servizo de transporte”.

O rexedor de Parada de Sil expresaba o seu agradecemento e indicaba na súa intervención como este Concello vén apostando dende hai anos pola sostibilidade e que esta aposta concreta da lanzadeira constituía unha reafirmación nesa liña tanto para o desenvolvemento do turismo como do respecto ao medio ambiente e, nese senso, lanzaba a idea de incorporar un autobús eléctrico.

Tamén sinalaba Aquilino Domínguez que Parada de Sil sempre avogou pola colaboración institucional e que isto supoñía un paso máis nesa cooperación e tamén para chegar a contribuír á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Tras o alcalde interviñan o subdelegado do Goberno en Ourense e o vicepresidente primeiro da Xunta, que sumaban a esa aposta pola sostibilidade turística.

O Plan de Sustentabilidade Turística na Ribeira Sacra suporá un investimento de 1,8M € neste territorio, dos que a Xunta fai unha achega de 850.000 euros. O resto do investimento corre a cargo da Secretaría de Estado de Turismo e do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Este programa permitirá levar adiante un conxunto de actuacións co obxectivo de garantir a sustentabilidade ambiental, económica e social no proceso de consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico.

 

Artigos relacionados

Back to top button