Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Magín Blanco e Uxía homenaxean a Manuel María e a Ourense co videoclip “A Cidade”

Os nenos son os protagonistas deste proxecto cultural que completa a homenaxe iniciada polos dous músicos en “Canta o cuco” e “Todo me fala de ti”

O videoclip “A Cidade” composto e interpretado polo cantautor rues Magín Blanco e Uxía Domínguez, coa letra de Manuel María (As rúas do vento ceibe, 1979), ten como protagonistas aos máis cativos, nenos e nenas que dan cor e vida aos lugares polos que pasan na cidade de Ourense.

A presentación deste proxecto cultural tiña lugar na mañá do 18 de novembro no Pazo Provincial, nun acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a xefa territorial de Educación da Xunta, Mercedes Gallego; os directores do videoclip, Marcos Nine e Otto Roca; os músicos, Magín Blanco e Uxía Domínguez; e a responsable do colectivo “Re.creo”, Marta Somoza.

Marta Somoza explicou que o que se buscaba co video era representar “a diversidade da cidade tanto nos lugares como na xente, pero especialmente nos nenos”, e nel nárrase como é a cidade formada polo conxunto de barrios que están entrelazados e solapados. “Tamén buscamos que nese imaxinario estiveran presentes os elementos máis significativos da cidade como o Teatro Principal, o Museo Arqueolóxico, o Cemiterio de San Francisco, entre outros”.

A canción “A Cidade” está incluída no libro-CD “Canta o cuco” de Magín Blanco e Uxía que editou Galaxia adicado integramente á figura de Manuel María co que se amosa a conexión do autor co universo infantil. “Nesta peza en concreto nós tratamos de traer a Manuel María, á linguaxe musical contemporánea e facer un tema fresco, polo tanto, o clip adecuase perfectamente ao noso concepto”, salientou Uxía Domínguez na presentación.

O video musical pode visualizarse no seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=E6MDywRqBSo

Artigos relacionados

Back to top button