En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Preséntase “Ultreya et Suseya, por el Camino de Inverno”, unha homenaxe á ruta xacobea valdeorresa

Neste acto, enmarcado na 28ª Semana de Cine do Barco, contaba coa presenza dos tres autores deste libro, Antonio Castro, David Vázquez e Patricia Fernández

O Teatro Lauro Olmo do Barco enchíase de público na tarde do 1 de setembro no acto de presentación da novela “Ultreya et Suseya, por el Camino de Invierno”, escrita polos valdeorreses Patricia Fernández Vázquez, Antonio Castro Voces e David Daniel Vázquez Álvarez.

A presentación desta novela, que conta a historia de amor de Breixo e Fronilde no marco do Camino de Inverno a Santiago e da misteriosa desaparición do Codex Bergidensis Iorrensis, comezaba cunha proxección que recreaba precisamente o percorrido visual e sensorial por esta ruta xacobea que atravesa a comarca de Valdeorras.

Deseguido tomaba a palabra o presidente do Cine Club Groucho Marx, José María García, quen recordaba que este acto se inscribe dentro da programación da 28ª Semana de Cine e ademais destacaba que esta é a primeira vez que neste evento se presenta un libro.

Tras interviña o presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco, quen presentaba aos escritores, acompañados nesta presentación polo catedrático da Universidade da Coruña Luis Alonso. O primeiro dos autores en dirixirse ao público era o historiador natural de Rubiá Antonio Castro Voces, quen comezaba explicando o significado do título. “Ultreya et Suseya era o saúdo dos peregrinos na Idade Media e ben a significar algo así como bo camiño, ánimo e adiante. Gustounos recuperar esa expresión”.

Ademais incidía en que o propósito desta obra é “poñer en valor e dar a coñecer o Camiño de Inverno, que xurdiu como unha variante ao Camiño Francés para evitar as neves, as riadas ou os problemas que implicaba continuar cara Santiago polo Cebreiro”.

Nunha intervención na que facía gala do seu singular sentido do humor á hora de explicar á elaboración deste libro, Castro Voces sinalaba que o “Camiño de Inverno significa espiritualidade, solidariedade e esforzo persoal para superar un reto que se impón unha persoa pero tamén pode ser fonte de riqueza para as comarcas polas que pasa, iso si, tratando sempre con repecto aos peregrinos”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button