CulturaCultura

Presenza valdeorresa na celebración dos 40 anos da Crítica Galega

Os Premios da Crítica de Galicia celebraron o seu corenta aniversario na súa tradicional gala en Vigo

A Crítica galega está de celebración, o sábado 4 de novembro, os Premios da Crítica Galega celebraron o seu 40 aniversario durante o xantar celebrado no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo, co gallo da súa gala anual da entrega dos premios da crítica. Baixo o lema “Falo galego”

O evento, conducido pola xornalista Noelia Otero, e amenizada coa música dos Caramuxos , foi unha gran xuntanza fraternal dos diferentes expoñentes da cultura galega: música, xornalismo, gastronomía, cinema, literatura, teatro…Todos eles uníronse a un senfín de personalidades políticas e xuntos celebraron este gran día para a cultura galega, todo baixo a atenta mirada da estatuíña de Martín Códax, símbolo destes premios.

E a el dirixiuse o presidente da Fundación Premios da Crítica de Galicia, Bieito Ledo (Xunqueira de Ambía 1944) que fixo unha lembranza por estes 40 anos de premios. Asemade, e sen deixar de dirixirse a Códax, díxolle: “Querido Martín Códax, aquela Galicia floreada na que vostede viviu foi esquecendo ás veces, pero nunca perdeu a fe e a lingua que estivo sempre viva nas paredes e nos campos que cheiran a estrume”. Ledo fixo un percorrido pola historia da lingua galega falando das “Revoltas Irmandiñas, Frei Martín Sarmiento, Rosalía de Castro, Pondal e Curros, o Movemento Agrario, o Estatuto de Autonomía, a Xeración Nós, as Irmandades da Fala, Castelao…”. Todo para facer unha defensa da pervivencia da lingua galega como o seu celme.

O xantar transcorreu entre conversas e amizade e, no momento do café, foi a quenda da entrega dos premios, nos que a presenza ourensá estivo moi remarcada nos xurados que outorgaron os galardóns. Entre eles o historiador Afonso Vázquez Monxardín, membro do xurado do premio da categoría de “Iniciativas Culturais e Científicas” e o artista Xabier Limia, que formou parte do xurado do premio de “Cultura Gastronómica” xunto coa representante da Denominación de Orixe Ribeiro, Ana Méndez.

O primeiro foi na categoría de “Creación Literaria”, que llo concederon a Manuel Fraga pola súa novela “Querido H.P. Lovecraft”, editado por Alcaián Urco. Seguidamente foi a quenda do premio na categoría de “Investigación”, que foi para Marcos Pérez Pena polo seu ensaio “A prensa en Galicia na Transición”, editado por Xerais.

Pola súa banda, o premio de “Iniciativas Culturais e Científicas” foille outorgado ao programa “ConCiencia” da Universidade de Santiago, que se dedica a traer premios Nobel á capital galega. Por outro lado, Luis Batallán foi o receptor do premio da categoría de “Música” e María Luisa Sobriño gañou o de “Artes Plásticas”. No campo das “Artes Escénicas”, a gañadora foi para a actriz e directora Flor Maceiras.

Na categoría de “Cine e Artes Audiovisuais”, o xurado decidiu darllo ao “Festival S8. Mostra de cinema periférico da Coruña”. Finalmente, na categoría de “Gastronomía”, unha categoría que só hai tres anos que se incorporou, os gañadores foron o “Grupo Nove”, formado por 24 profesionais galegos da cociña.

Unha vez rematada a entrega, foi a quenda dos discursos oficiais. A primeira en intervir foi a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que fixo unha reivindicación ás mulleres creadoras “porque somos o 55% da poboación”, asegurou. Pola súa banda, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que asegurou que hai 40 anos “un grupo de visionarios” uníronse para crear estes premios para potenciar a nosa cultura. O conselleiro parafraseou a Vicente Risco asegurando que “Galicia é moi grande e moi integradora”. O acto pechouno o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que asegurou que a cidade olívica vaille render homenaxe a estes premios “instalando esta estatua de Martín Códax na cidade”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Máis información sobre a entrega de premios na seguinte ligazón:

Brindes con viño valdeorrés na entrega dos XL Premios da Crítica de Galicia, en Vigo

 

 

Artigos relacionados

Back to top button