A RúaConcellosÚltima hora

Preto de 170.000 euros para mellorar a recollida selectiva de residuos na Rúa

Será a través de dúas subvencións: a adquisición dun punto limpo móbil e un proxecto de fomento da compostaxe in situ

Reunión telemática da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co alcalde da Rúa.

 

O Concello da Rúa beneficiarase de dúas axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por un importe global de case 170.000 euros co obxecto de mellorar e avanzar na recollida selectiva dos residuos sólidos urbanos do municipio. Concretamente, trátase dunha subvención para a adquisición dun punto limpo móbil, por un importe de 69.500 euros, e doutra destinada a financiar un proxecto de fomento da compostaxe in situ, dotada con 100.000 euros.

Este foi un dos asuntos que abordaban na tarde deste 17 de decembro durante unha xuntanza por videoconferencia a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández López. Neste sentido, a responsable autonómica salientou a importancia deste tipo de proxectos, que “contribúen de forma directa e efectiva a fomentar a separación en orixe dos residuos sólidos urbanos dos concellos”.

Dende a consellería tamén adiantan que a conselleira e o rexedor estudarán a posibilidade de “colaborar economicamente nun proxecto de humanización de rúas e espazos públicos na Rúa a través dalgún dos programas e liñas de axudas dos que dispón a Consellería”.

Artigos relacionados

Back to top button