Nove escolas infantís da rede Galiña Azul da Xunta someteranse a actuacións de mellora e reforma valoradas nuns 200.000 euros. Así o anunciou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, durante a visita que realizou a un dos centros beneficiados por este plan de obras, a escola infantil do barrio de Barrocás, na cidade das Burgas.
O investimento faino a Consellería de Política Social a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. No caso da escola infantil de Barrocás, a cantidade será de 60.000 euros e permitirá remodelar o interior do edificio por completo. Esta Galiña Azul conta con 91 prazas e 15 traballadores.
As obras acometeranse tras o peche do curso, para aproveitar as aulas baleiras do mes de agosto.