DeportesÚltima hora

Preto de 200 arqueiros competirán no campionato galego de tiro con arco

As probas, en arco recurvo, composto, espido e tradicional para as diferentes categorías, celébranse esta fin de semana en Taboadela
Presentación do campionato galego de tiro con arco.

Esta fin de semana o pavillón de deportes de Taboadela acolle o campionato galego de tiro con arco, valedoiro para o campionato de España de sala, unha proba na que se darán cita 180 arqueiros de toda Galicia e que contará coa presenza dos olímpicos Mikel Alvariño e Guillermo Rodríguez.

A presentación do evento tiña lugar na mañá do 12 de xaneiro no Pazo Provincial, coa asistencia do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; dos alcaldes de Taboadela e da Teixeira, Manuel Gallego e Miguel Cid; do concelleiro de Taboadela José Antonio Paz; dos arqueiros Jorge Cadavid e Claus Seara, e do presidente do Club Lumelar, Juan Ramón González.

O tiro con arco é unha disciplina deportiva que conta con máis de 500 licenzas federativas na provincia de Ourense dun total de 3.000 en toda Galicia, e a competición desta fin de semana comezará o sábado 14 de xaneiro, ás 9 horas coas competicións de arco recurvo e arco composto, nas categorías infantil, alevín, benxamín e qsquíos. Pola tarde, ás 15 horas disputaranse as probas de arco espido e arco tradicional. O domingo ás 9 horas, comezarán as probas de arco recurvo e composto e arco adaptado, nas categorías de cadete, júnior, sénior e veterano, especialidade esta última na que o actual campión galego é o alcalde da Teixeira, Miguel Cid. O Club Lumelar, organizador do campionato é o actual subcampión galego por equipos.

Artigos relacionados

Back to top button