ConcellosÚltima hora

Preto de 30.000 euros para eliminar tres puntos de vertido incontrolado no Barco

Os puntos sobre os que se intervirá localízanse nos lugares de Regueira, Veiguiña e Vilobal e os traballos comezarán na vindeira semana

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comezará na semana que comeza o 26 de novembro os traballos para a eliminación, limpeza e recuperación de tres puntos de vertido incontrolado (PVI) no Concello de O Barco de Valdeorras (Ourense) cun custo estimado de case 30.000 euros. “Esta nova actuación forma parte dunha campaña continuada da Xunta para identificar e erradicar estes focos, nos que se van acumulando residuos sólidos de distinta natureza co prexuízo que isto ocasiona para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético”, segundo se informa dende este departamento autonómico.

Os puntos sobre os que se intervirá localízanse nos lugares de Regueira, Veiguiña e Vilobal. Os traballos consistirán “na recollida, clasificación e retirada do material acumulado nestas zonas e que, a primeira vista e sen prexuízo do que se poida atopar conforme avance a actuación, consiste basicamente en residuos procedentes de traballos de construción e demolición, plásticos, pneumáticos fóra de uso, voluminosos, vidro, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, lixo urbano e restos de poda”, segundo a consellería.

Así mesmo, tamén se traballará na revexetación dos solos mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira. “Coa limpeza dos puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados polos vertidos incontrolados, logrando a integración do lugar coa súa contorna e eliminando o hábito entre a poboación de seguir depositando lixo nestes lugares”, destacan dende Medio Ambiente.

Artigos relacionados

Back to top button