CD BarcoDeportesFútbolÚltima horaVídeos

Preto de 30 rapazas participan en Vilamartín no I campus de fútbol feminino e multideporte da provincia

 

Dende a tarde do domingo 3 de xullo e ata o vindeiro venres día 8, un total de 28 rapazas de Carballo, A Coruña, Lugo, Laracha, A Rúa e O Barco de Valdeorras, participan no I campus de fútbol feminino da comarca “e o primeiro feminino de fútbol e multideporte da provincia de Ourense”, puntualiza Nilo Ramos, presidente do CD Barco, club organizador do campamento xunto a Ocio y Deporte Valdeorras e o Concello de Vilamartín.

 

 

Coordinado por Isabel Vázquez, (xogadora de fútbol sala e fútbol, graduada en INEF cos niveis I e II de adestradora), contando ademais cun equipo de adestradoras tituladas e monitores de ocio e tempo libre, a base de operacións do campus está na área recreativa do Bañadoiro, onde tiña lugar onte a presentación oficial, por parte da propia coordinadora, do presidente do club barquense e representantes do Concello de Vilamartín. O propio Nilo asegura que o club está moi ilusionado con esta iniciativa “experimental” que lles servirá de cara ao futuro polo que esperan que sexa todo  un éxito. “Se algunha vez queremos montar un equipo feminino serviranos de experiencia”, asegura.

 

 

A maioría das rapazas están en réxime de pernocta (pensión completa + aloxamento + actividades) sendo o Centro Sociocultural Santa Lucía o lugar elixido para os almorzos, as ceas e as actividades nocturnas. “Dormen no albergue”, engade Isabel, explicando que como campus de fútbol que é o balompé centrará o programa, aínda que a proposta inclúe un completo calendario vencellado ao tempo de lecer e en torno á educación non formal. “Pretendemos integrar moitos aspectos ao longo da semana”, di.

 

 

Así, no apartado deportivo haberá adestramento técnico-táctico, adestramento específico de porteiras e valoración técnica, ademais de competiciós individuais e colectivas, ligas internas e práctica doutras disciplinas (tenis, pádel, fútbol sala, bádminton, tenis de mesa, vóley, rugby,…). Pero o campus vai moito máis aló cun amplo abano de actividades de tempo libre (veladas, carreiras con obstáculos, descenso en kaiak polo río Sil, sendeirismo, karaoke, bingo, concurso de TikTok e mesmo discoteca. Tamén haberá actividades alternativas (túnel do terror, escape room, pistolas láser,…) e unha excursión lúdico-cultural á Veiga.  O campus inlclúe un apartado formativo con obradoiros de traballo sobre nutrición, primeiros auxilios, rendemento deportivo, psicoloxía deportiva, habilidades comunicativas,… e tamén a visita de deportistas de primeiro nivel.

Tralo primeiro adestramento lixeiro realizado onte, na xornada deste luns 4 de xullo o campus funcionou xa a pleno rendemento, con sesión de piscina incluída.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button