Galerías de fotosÚltima hora

Preto de 300 persoas na cea popular de Fontei

As festas de San Antonio na Rúa arrancaban coa cita gastronómica que este ano chegaba á VII edición

Cos ensaios da orquestra Panorama de fondo, comezaba a VII cea popular de de Fontei, unha cita gastronómica que marcaba o comezo das festas de San Antonio na localidade ruesa.

En torno ás nove da noite do venres 12 de xuño, mentres os técnicos da orquestra poñían a punto o son e a iluminación para a actuación estelar da verbena, preto de 300 persoas daban conta do menú que un ano máis consistía en empanada, entremeses variados, paella, e torta de pasas. Na organización, coma sempre unha vintena de veciños de Fontei, entre eles os membros da comisión de festas, foron os encargados de atender aos comensais, para que non lles faltase nada.

E trala contundente cea, aínda que se fixo de rogar, preto da unha da madrugada comezaba o espectáculo que a orquestra Panorama ten en marcha para este ano. Despois dunha intensa hora de música, baile, luces e acrobacias, os músicos facían unha paréntese que cubría un dj. Co segundo pase da verbena, especialmente adicado á mocidade, a Panorama baixaba o pano da súa actuación. Non así as festas de San Antonio en Fontei que continúan hoxe coa música e baile tradicional de Abertal pola tarde e xa pola noite da orquestra Nova Imperial.

Mañá, domingo 14 de xuño, si rematan as festas 2015 con baile en sesión de tarde e verbena amenizada pola orquestra Xacobeo.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button